Sesenta e sete novos contaxios na área sanitaria tras un día con case mil probas PCR
Por Alejandro Espiño
Sesenta e sete novos contaxios súmanse á incidencia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo recolle o balance diario do Servizo Galego de Saúde. Os casos activos por coronavirus apenas varían nas últimas 24 horas. Son 1.250, catro menos que onte, despois de que ata 73 persoas foran dadas de alta tras recuperarse.
Cae tamén o número de hospitalizados nos tres centros de referencia para a covid nesta área sanitaria. Fronte os 68 que había este mércores, hai ingresados 62 pacientes. É dicir, seis menos que no último balance.
A maior parte deles, un total de 43, están ingresados en planta do Hospital Montecelo. Sete están no Hospital do Salnés e catro no hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.
Outras oito persoas, que son as que están máis graves, atópanse ingresadas na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.
O resto dos que contraeron o virus, outras 1.188 persoas, atópanse illados nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 3.468 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 73 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 44 falecementos asociados ao virus. O último, o dunha muller de 83 anos que faleceu no Salnés procedente da residencia de Ribadumia.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 81.249, 997 nas últimas horas. A estas probas súmanse as 42.310 seroloxías realizadas ata a data.
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.098, 47 máis que o día anterior. Deles 1.888 son da área da Coruña, 1.072 da de Lugo, 749 da de Ourense, 1.250 da de Pontevedra, 2.422 da área de Vigo, 993 da de Santiago e 724 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 101 están en UCI, 472 en unidades de hospitalización e 8.525 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 37.210 persoas curadas, rexistrándose 1.107 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 826.926 probas PCR e 414.234 probas serolóxicas que, nas últimas 24 horas, permitiron detectar a 667 infectados.
Relacionadas:
-
Unha muller de 96 anos eleva a 45 o número de vítimas mortais da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés
Por Redacción |
-
Todos os municipios da área sanitaria con restricións conseguen baixar os seus casos activos de covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Lixeiro incremento no número de casos activos nos principais municipios afectados da área sanitaria
Por Redacción |
-
O conselleiro de Sanidade recoñece que existe preocupación pola incidencia do virus no Salnés
Por Anxo Lourido |
-
A área sanitaria crece ata os 1.254 casos activos tras detectar 88 contaxios nun día
Por Alejandro Espiño |