Lixeiro incremento no número de casos activos nos principais municipios afectados da área sanitaria
Por Redacción
A conxunto da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés entra de novo en nivel vermello ao subir o número de contaxios diarios durante as últimas horas. Detectáronse 92 novos contaxios nas últimas 24 horas, cunha porcentaxe de 32 por cada 100.000 habitantes.
O municipio de Pontevedra suma 361 casos, sete positivos máis que o martes. Pola súa banda, Poio ascende nun caso máis situándose en 70 persoas contaxiadas. O Concello de Marín presenta 92 casos activos, neste municipio rexístrase un descenso de cinco casos nas últimas 24 horas. Desde o Sergas, tamén se informaba da detección de 10 usuarios e dous traballadores da Residencia Pontevedra no municipio de Vilaboa.
Pola súa banda, Vilagarcía conta con 75 casos, dous máis nas últimas horas. A incidencia acumulada a 14 días é de 160 casos por 100.000 habitantes, de maneira que se rexistra un descenso de 30 afectados menos que hai unha semana. En Vilanova de Arousa detectábase un novo caso e sitúanse en 26 persoas contaxiadas.
Sanxenxo, que esta media noite, pasa a formar parte do peche perimetral co municipio do Grove rexistra 81 casos. O goberno local anunciou que reforzará os controis nos accesos ao municipio e manterá unha especial vixilancia para que se cumpran as novas medidas restritivas impostas pola Xunta de Galicia.
Durante a mañá deste mércores, a primeira tenente de alcalde María Deza participaba no encontro coas autoridades sanitarias compartido cos responsables dos municipios de Cambados, Vilagarcía, Vilanova e O Grove por videoconferencia. Durante a reunión indicouse que o límite do prazo perimetral para Sanxenxo será igual que para o resto de concellos, o 4 de decembro.
En todo caso, desde a Consellería de Sanidade indican que a retirada das medidas dependerá da evolución da situación sanitaria do municipio, polo que non se descarta unha ampliación temporal se as restricións non teñen o efecto desexado de reducir o número de casos e a presión na asistencia hospitalaria.
As medidas previstas establecen que só se permite a libre mobilidade dos residentes en Sanxenxo entre o seu propio concello e O Grove. Para saír deste espazo é necesario presentar causas debidamente xustificadas; só serán autorizadas reunións con conviventes; péchase a hostalería salvo para recollida de comida e servizo a domicilio; e só se poderá realizar deporte de maneira individual.
Relacionadas:
-
Sesenta e sete novos contaxios na área sanitaria tras un día con case mil probas PCR
Por Alejandro Espiño |
-
O conselleiro de Sanidade recoñece que existe preocupación pola incidencia do virus no Salnés
Por Anxo Lourido |
-
A área sanitaria crece ata os 1.254 casos activos tras detectar 88 contaxios nun día
Por Alejandro Espiño |
-
Ante o aumento de positivos, Sanxenxo pasa a estar pechada perimetralmente co Grove a partir do xoves 19
Por Redacción |