Agradecemento de Luisa Piñeiro á "gran colaboración" da Policía Autonómica durante a pandemia da covid-19
Por Natalia Puga
A "gran colaboración" que os axentes da Policía Autonómica están prestando á sociedade en xeral e ás administracións públicas con motivo da pandemia da covid-19 foi este mércores a protagonista da primeira visita institucional da delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, ás dependencias da Xefatura Provincial da Policía Autonómica.
Piñeiro visitou as instalacións en compañía da secretaria territorial da Xunta, Ana Ortiz; do xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro, e do comisario xefe de Galicia, Jorge Manuel Rubal Pena; e nas dependencias ubicadas na planta baixa do edificio administrativo de Campolongo puido reunirse cos responsables da xefatura pontevedresa.
Trátase dunha visita que a nova delegada xa programara semanas atrás e que tivera que adiarse porque durante uns días a súa axenda tivo que estar parada por un confinamento derivado de ser contacto estreito dun positivo por covid-19. Agora, unha vez que volveu á normalidade, recuperouna para "agradecer o seu traballo e colaboración".
Os responsables políticos e policiais fixeron un percorrido polas instalacións e coñeceron os distintos equipos de traballo da Policía Autonómica en Pontevedra. Como fin á visita, mantiveron unha pequena reunión na que, segundo explicou Piñeiro, falaron "principalmente" da pandemia.
Segundo explicou, os axentes trasladáronlles que nestes momentos "principalmente" están enfocados á pandemia e realizan operativos diarios para vixiar o cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades par frear a evolución da covid-19. Nestes controis "están detectando certas irresponsabilidades por parte da cidadanía".
Despois da visita, a través dunha nota de prensa, a Xunta deu a coñecer que a unidade de Pontevedra está a desenvolver unha labor especialmente intensa nas fins de semana cunha media de 50 operativos e dispositivos orientados a controlar o cumprimento das medidas fronte á covid-19.
Luisa Piñeiro tamén realizou este mércores outras visitas institucionais ás dependencias provinciais do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.