Detido un sobriño de Manuel Charlín polo atropelo mortal de Vilanova
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Local detivo a Diego S.C., sobriño do veterano narcotraficante Manuel Charlín, polo atropelo mortal que se rexistrou onte á noite en Vilanova. El era, segundo as autoridades, o condutor do coche que arroiou a unha muller de 78 anos. Tras o suceso, deuse á fuga.
O detido pasou a disposición xudicial na tarde deste mércores e o Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, así como o comiso do vehículo e a privación cautelar do permiso de conducir
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, está investigado polos delitos de condución temeraria con manifesto desprezo pola vida dos demais, homicidio imprudente e abandono do lugar do accidente.
Non é a primeira vez que o detido, que ten 44 anos e reside en Vilanova, protagoniza un feito similar. Xa foi condenado a dous anos e medio de prisión por atropelar a Juan Antonio Dios Quintáns, ex edil en Vilagarcía, fuxindo da policía. A vítima tamén morreu no acto.
As autoridades sospeitaron del desde o primeiro minuto, segundo corroborou o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán. "Estiveron buscándoo toda a noite", explicou. Os axentes estiveron diante da súa casa ata que, á primeira hora desta mañá, entregouse.
O xefe da Policía Local de Vilanova, José Luis Maqueira, detallou que os investigadores decidiron "falar cos familiares" ata que un deles accedeu a mediar para que o presunto autor deste atropelo mortal con fuga saíra do seu domicilio.
O detido, tras ser localizado polo corpo municipal, quedou en custodia da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa e deberá responder polos delitos de homicidio imprudente e de abandono do lugar dun accidente tras causar a morte dunha persoa.
O atropelo produciuse onte á noite, sobre as oito e cuarto da tarde, nas inmediacións da igrexa parroquial de Vilanova. A vítima é Dolores Ventoso, unha muller que segundo lembrou Durán era "moi querida e respectada" no municipio.
A colaboración cidadá foi clave para identificar o autor do atropelo, especialmente por mor dos datos achegados para decubrir a marca e a cor do coche de alta gama que conducía o detido.
"Podes ter a mala sorte de atropelar a alguén, pero o que non podes facer é irte. É moi grave. Hai que ter humanidade", engadiu o rexedor de Vilanova.
A súa detención, afirmou Gonzalo Durán, "non nos consola" pero entende que a xustiza "ten que actuar" e a sociedade concienciarse de que "estas cousas non poden ocorrer".
Relacionadas:
-
A operación que ‘repescou’ o patrimonio de tres xeracións do clan de Los Charlines, a xuízo na Audiencia Nacional
Por Natalia Puga |
-
Falece na súa casa aos 89 anos Manuel Charlín, patriarca do clan arousán
Por Redacción |
-
Morre atropelada por un coche de alta gama que se deu á fuga en Vilanova de Arousa
Por Redacción |