O BNG de Cerdedo-Cotobade propón dirixir cartos da fusión a investimentos relacionados coa covid
Por Oskar Viéitez
O portavoz do BNG no Concello de Cerdedo Cotobade, Ernesto Filgueira, solicita ao goberno local que destine 368.000 euros, dos 1,3 millóns previstos do Fondo Fusións da Xunta, ao rescate dos sectores económicos e culturais do municipio afectados pola crise xerada pola pandemia da covid19.
Ernesto Filgueira agarda que as propostas do Bloque sexan recollidas no vindeiro orzamento municipal "e supoñan un mecanismo de choque, resilencia e confianza para os autónomos, pequenos empresarios" e tamén para manter "a cultura viva e folclórica de Cerdedo-Cotobade, activadas nun curto prazo de tempo dada a urxencia do contexto económico e social".
Así pois, o BNG entende que os obxectivos principais de reforzo deben ir encamiñados ao reforzo da partida dos servizos sociais, para prestar todo o apoio posible ás familias e persoas máis vulnerables e en risco de exclusión social e tamén evitar no posible a brecha dixital das crianzas garantíndolles medios tecnolóxicos.
O grupo municipal do BNG tamén propón que o Concello habilite axudas directas para autónomos e pequenas empresas abrindo unha liña de apoio económico "a fin de axudar a manter a actividade, a facturación, cando menos para subsistir nestos duros meses que se aveciñan" e que non se perdan os postos de traballado dos autónomos e das pequenas empresas localizadas no territorio municipal.
Outra das propostas do Bloque vai encamiñada a "presionar ás suministradoras a mellorar a liña de electricidade e internet", xa que entende que "e fundamental contar con redes modernizadas e fibra óptica en todas as parroquias que permita e incentive o traballo online" e piden unha liña de reflote directa ás asociacións culturáis, folclóricas, históricas e musicáis "a fin de evitar a morte da cultura viva das parroquias e do tecido asociativo municipal".
Segundo dixo Ernesto Filgueira, "abogo por unha política de negociacións, consensos e acordos que nos permita achegar o rural ás cidades en termos equiparables de servizos e calidade de vida. É a nosa obsesión".