Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, a xuízo o venres por prevaricación e fraude polas obras do campo de fútbol de Moraña
Por Natalia Puga
O ex presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e a ex alcaldesa de Moraña e actual delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, sentarán o vindeiro venres 20 de novembro no banco dos acusados, el por un delito de prevaricación e outro de fraude e ela como cooperadora necesaria da prevaricación e fraude.
O caso chega finalmente a xuízo tras anos de investigación por parte da Fiscalía de Delitos Económicos de Pontevedra, na que era unha peza separada da denominada operación Patos, e sentará no banco a 8 persoas. Ademais de Louzán e Piñeiro, están acusados o responsable da empresa Eiriña, Enrique Alonso Pais; a súa man dereita, Jaime Alvariñas; o entón director de infraestruturas da Deputación, Manuel González Juanatey; dous empresarios de Pontevedra e O Salnés, D.G.F. e M.R.O.; e, un arquitecto, D.A.L.O.
O xuízo está sinalado para este venres no Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra polos delitos de prevaricación e fraude. Do primeiro só está acusdo como autor Louzán, sendo cooperadores necesarios, segundo o fiscal, Piñeiro, González Juanatey, Alvariñas, Alonso Pais e dous acusados máis. Da fraude están acusados os oito.
O fiscal pide que Louzán, González Juanatey e Piñeiro sexan condenados a tres anos de prisión e nove anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público relacionado con calquera cargo nas administracións públicas.
Para tres empresarios acusados piden tres anos de prisión e catro de inhabilitción para obter subvencións e axudas públicas para contratar con entes, organismo ou entidades que forman parte do sector público e para gozar de beneficios ou incentivos fiscais e da Seguridade Social. Para os dous acusados restantes pide dous anos de prision e tres de inhabilitación en relación coas axudas públicas e beneficios fiscais.
O escrito de acusación da Fiscalía sitúa o inicio deste procedemento xudicial nun acordo da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra do 16 de decembro de 2011 no que se aprobou un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Moraña para a instalación de herba artificial no campo de futbol 'O Buelo' e obras de edificación anexa.
A Deputación asumiu a redacción do proxecto por 21.122 euros e a construción por 999.561,23 euros, a través dunha subvención discrecional do presidente da Deputación, asinárono Louzán e a entón alcaldesa de Moraña e adxudicouse a obra a Eiriña.
Dous anos desués, o 6 de setembro de 2013, a Xunta de Goberno provincial acordou a aprobación do proxecto modificado da mesma obra campo para axustarse ás novas necesidades xurdidas durante a execución, sen custo adicional sobre o orzamento inicial, asinando o entón director de infraestruturas da Deputación, un representante da empresa e a arquitecta do proxecto.
Segundo sostén o fiscal, a empresa realizara obras non contratadas e fóra do proxecto aprobado fundamentalmente a pedimento do Concello de Moraña e reclamou para que lle fosen abonadas, estimando que se lle debía unha cantidade próxima aos 86.000euros. A empresa presentou unha certificación aumentando algunhas partidas, pero, como se trataba dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, motivo polo que a súa petición non foi atendida.
Xa no verán de 2013 era previsible que non se puidese abonar ese incremento de obra realizado voluntariamente (é dicir á marxe do proxecto aprobado) pola empresa, por canto a funcionaria encargada de velar pola tramitación das subvencións aos concellos sinalaba que era ilegal pasar o importe da subvención concedida. Nese momento, segundo o fiscal, "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa Eiriña o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado".
Co acordo do presidente da Deputación, o director de infraestruturas, dous representantes da empresa, a alcaldesa e un arquitecto, "elabórase e executa o plan" que agora chega a xuízo. Así, a alcaldesa solicitou unha nova subvención á Deputación para melloras en vestiario e bancadas acompañada dun proxecto técnico do arquitecto acusado no que se facía referencia á execución de obras que, polo menos parcialmente, xa foran realizadas..
Finalmente, a Deputación concedeu ao Concello 86.829,84 euros con cargo á partida de libre disposición do presidente. Acordouse convidar a outras dúas empresas a presentar ofertas para a obra aínda que o fiscal sostén que a invitación "era mera aparencia, sen propósito serio de valorar as súas proposicións". Os seus responsables tamén están acusado porque se actuou "co consentimento dos administradores das mesmas" e só coa finalidade de que en todo caso a obra fose adxudicada a Eiriña.
REACCIÓN DE PIÑEIRO
A propia Luisa Piñeiro referiuse a este xuízo este mércores a preguntas da prensa durante unha visita ás dependencias da Policía Autonómica en Pontevedra e indicou que afronta a cita xudicial "con total tranquilidade e coa conciencia moi tranquila".
Explicou que xa fixo varias declaracións ante o xuíz e que toda a información que tiña achegouna ao xulgado, de modo que o afronta con "serenidade" e "confiando na Xustiza" e que o procedemento xudicial sairá "ben" de acordo aos seus intereses, isto é, coa súa absolución.
Relacionadas:
-
Recorren ante a Audiencia Provincial a condena de Rafael Louzán e Luisa Piñeiro por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga |
-
Negan que haxa fraude e prevaricación no caso que senta a Louzán e Luisa Piñeiro ante a xustiza
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán e Luisa Piñeiro sentan no banco dos acusados confiados en que "quedará en nada"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Begoña Estévez, exculpada da operación Patos, na que seguen investigados Louzán e Luisa Piñeiro
Por Natalia Puga |
-
A alcaldesa de Moraña comparece como investigada nunha peza da operación Patos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada