Oito anos de cárcere para un proxeneta que obrigou a unha muller a prostituirse en Pontevedra
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Asturias confirmou a condena de oito anos de cárcere e catro de liberdade vixiada a un proxeneta que obrigou a dúas mulleres a prostituírse, unha delas na cidade de Pontevedra.
A muller foi forzada a traballar un ano, baixo ameazas constantes, e sen apenas descanso. Exercía a prostitución de cinco da tarde a tres da madrugada, de luns a domingo.
A vítima, segundo corrobora a sentenza, coñeceu a este proxeneta nunha discoteca de Oviedo en marzo de 2015. Este ofreceulle irse con el a Pontevedra e iniciar unha relación sentimental.
Aos tres días de convivir con ela, o acusado propúxolle que se prostituíse, e cando esta se negou ameazoulle con vender á súa filla que estaba en Rumanía e dicirlle que nunca máis a volvería a ver, á vez que a golpeaba con patadas e puñadas por todo o corpo.
Ao final a muller accedeu a prostituírse e entregar o diñeiro que gañaba. Para iso, realizou 38 envíos de diñeiro a Romanía por valor de 7.165 euros a nome do acusado e doutra muller ata que, en marzo de 2016, logrou escapar.
O proxeneta xa actuara igual con outra muller, á que forzou para que se prostituíse na localidade asturiana de Avilés. Ela foi a testemuña protexida deste xuízo contra el.
Ademais da pena de prisión por dous delitos de prostitución coactiva, dous delitos de branqueo de capitais e un delito leve de lesións, o acusado non poderá achegarse a menos de 500 metros das súas vítimas e terá que indemnizalas con 15.000 euros a cada unha.