APE Galicia en Pontevedra presenta un plan de rescate para empresariado autónomo
Por Redacción
APE Galicia en Pontevedra mantivo unha xunta executiva na que se trataron diversos temas entre os que destaca a posta en marcha do plan de rescate para o empresariado autónomo.
Para a elaboración deste plan sinalan que traballaron na mesa do autónomo coa colaboración doutras asociacións e da Xunta de Galicia. Está previsto que se publique no DOG este 18 de novembro. A contía da primeira axuda dentro deste plan vai desde os 1.200 aos 2.000 euros.
A xunta executiva mantívose a favor de todos os puntos tratados durante este encontro coa intención de defender os dereitos do autónomo a través da negociación coas diferentes administracións e buscando o beneficio deste colectivo, segundo indican desde APE Galicia.
José Ramón Caldas, presidente da asociación, asegura que os autónomos son o motor da economía e que nestes momentos necesitan as axudas máis que nunca.
Tamén se tratou a firma de convenios e acordos para os traballadores por conta propia, ademais das propostas presentadas na mesa do autónomo. Os afiliados a APE Galicia contarán con descontos na rede de concesionarios de PSA Retail e de descontos en gasolineiras.
Informaron ademais da firma dun convenio de colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Galicia, que ofrecerán asesoría gratuíta para a posta en marcha dunha actividade empresaria ou para a reformulación dun negocio ao longo de 2020-2021.