Desestimada a única alegación presentada ás expropiacións da Travesía República Arxentina
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Urbanismo do Concello de Marín, Manuel Santos, informou este martes que unicamente se recibiu unha alegación ás expropiacións da rúa República Arxentina, que foi desestimada. O terreo a expropiar será o correspondente a tres parcelas, que ocupan unha extensión de 509 metros cadrados. O orzamento total da expropiación ascende a 55.262 euros.
A urbanización desta travesía, dentro do núcleo urbano de Marín, comunicará as rúas República Arxentina e Inferniño. Esta rúa remata nun muro que separa o ámbito urbanizado do regato e as fincas sen urbanizar.
No que respecta a esa nova zona que se abrirá, hai tres parcelas que se atopan en estado de semiabandono. Con este proxecto de humanización, demolerase ese muro e tamén se quitarán os peches metálicos.
A urbanización da Travesía da República Arxentina contempla a dotación dos servizos de saneamento e recollida de augas pluviais, abastecemento de auga, alumeado público, enerxía eléctrica en baixa tensión, telefonía e rede de distribución de gas.
UN PROXECTO URBANO INTEGRAL PARA O CORAZÓN DE SEIXO
Por outra banda, en canto ao proxecto integral de renovación e humanización da contorna do mercado municipal de Seixo, son cinco as parcelas afectadas, ocupando unha superficie entre todas de 326 metros cadrados. Para este procedemento investiranse 21.968 euros.
Con este proxecto, procúrase a reordenación urbana da contorna do mercado de Seixo, dando prioridade á mobilidade peonil e creando unha nova praza que permita o esparexemento e o goce do espazo público por parte da cidadanía.
Na actualidade, o tramo da estrada Grupo Escolar de Seixo situado entre a Avenida Doutor Otero Ulloa e Camiño Vello ten unha configuración notablemente desordeada. A zona non está urbanizada na súa totalidade e, debido á súa antigüidade, presenta defectos no estado dos pavimentos e nos servizos, tanto de saneamento e abastecemento como no alumeado.
Con esta humanización crearase unha nova zona urbana cunha mellor mobilidade en pleno centro da parroquia.
Relacionadas:
-
Tres meses de obras para crear a travesía que unirá Inferniño e República Arxentina
Por Redacción |
-
O procedemento para urbanizar a Travesía República Arxentina de Marín xa está en marcha
Por Redacción |
-
Aproban o proxecto para a urbanización da travesía República Arxentina de Marín
Por Redacción |
-
O PSOE de Marín amosa a súa "decepción" polo proxecto previsto para Seixo
Por Oskar Viéitez |
-
Marín avanza na mellora urbanística de Inferniño e o mercado de Seixo coa apertura do proceso de expropiación
Por Redacción |