Patuco de Honor para a Unidade de Neonatoloxía do Hospital Provincial
Por Redacción
O 17 de novembro conmemórase o Día Mundial do Prematuro. Por este motivo, a Asociación Galega de Familias Prematuras (AGAPREM) entregou o seu Patuco de Honor á Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
A entrega fíxose este martes no Hospital Provincial de Pontevedra. Deste xeito AGAPREM quere homenaxear o labor de equipo na atención aos prematuros e os seus familiares, así coma polo seu ánimo e apoio para que este colectivo adquira visibilidade en toda a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
En representación da Asociación Galega de Familias Prematuras acudiu Ana Valuja Framiñán, que é a nai de Olivia, unha nena prematura nacida no Hospital Provincial de Pontevedra en novembro de 2018. O Patuco de Honor foi recibido polos responsables do servizo de Pediatría e da propia Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés. Así mesmo, obsequiouse cuns detalles ás familias con bebés ingresados nesta unidade.
Na noite deste 17 de novembro tamén se iluminarán diversos edificios da comarca en cor violeta para dar visibilidade ás actividades conmemorativas do Día Mundial do prematuro.
A REALIDADE DOS PREMATUROS
Cada ano, 15 millóns de nenos nacen antes de termo. En España, ocorre aproximadamente nun de cada 13 nacementos. Adoita suceder nalgúns partos múltiples, cando hai algún tipo de tensión da nai ou por problemas de saúde maternais.
Os prematuros son bebés menores de 37 semanas de idade xestacional, entre os que se establecen tres grandes tipoloxías: aqueles bebés que nacen entre a semana 32 e 37, denominados prematuros moderados ou tardíos; os nacidos entre as semanas 28 e 32, considerados como moi prematuros; e se o meniño nace antes da semana 28 de xestación sería un prematuro extremo.
PREMATUROS NO HOSPITAL PROVINCIAL
A Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra informa que entre xaneiro e novembro do presente ano 2020 naceron no Hospital Provincial un total de 1.134 nenos, dos que 72 foron prematuros, o que supón unha porcentaxe do 6,35%.
Na Unidade de Neonatoloxía do Hospital Provincial ingresan tras o seu pronto nacemento todos os menores de 35 semanas, mentres que dos bebés nados con entre 35 e 37 semanas de xestación ingresa o 55% deles nalgún momento. No pasado ano 2019, este hospital pontevedrés atendeu un 8% de nenos prematuros, mentres que a media nacional española rolda o 7% do total de partos anual.
PUNTO DE RECOLLIDA DE LEITE
Dende a Unidade tamén salientan que ao diminuír o número de prematuros con respecto ao ano anterior, tamén baixou o número de receptores de leite doado, xa que estes bebés son os principais candidatos a recibila. Entre xaneiro e novembro do presente ano 2020 a Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario pontevedrés tivo 19 receptores de leite doado.
Dende novembro de 2018 o Hospital Provincial dispón dun punto de recollida de leite materno daquelas nais que queiran doalo e así contribuír, de maneira altruísta, á mellora da saúde dos bebés da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que o precisan, principalmente prematuros e inmunodeprimidos. Este leite recollido envíase a Vigo para proceder á súa análise e procesado, de maneira que cumpra uns estándares que garantan a súa calidade nutricional e microbiolóxica.
O incremento da infraestrutura no centro hospitalario pontevedrés en materia de conservación do leite materno posibilitou a súa constitución como punto de recollida, facilitando ás nais interesadas a doazón, pois desta maneira non teñen que desprazarse aos bancos de leite das áreas próximas de Vigo e de Santiago de Compostela.
Relacionadas:
-
O Hospital Provincial de Pontevedra busca doantes de leite materno
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Hospital Provincial conta con nova área de Neonatoloxía onde se investiron 375.000 euros
Por Redacción |
-
Queres ser doante de leite materna? Coñece como podes axudar a neonatos e bebés enfermos no Hospital Provincial
Por Anxo Lourido |