Poio actualiza o rexistro de asociacións e entidades locais
Por Redacción
O Concello de Poio avanza na posta ao día do Rexistro de Asociacións e Entidades Cidadáns, unha medida que ten como obxectivo axilizar e simplificar a comunicación entre os colectivos do municipio e a propia administración municipal.
A concelleira, Silvia Díaz, explica que "unha das cuestións nas que queremos facer fincapé é na importancia dos medios telemáticos. Atopámonos actualmente nun contexto no que, por mor da pandemia da COVID-19, faise máis necesario ca nunca ofrecer ao noso tecido social ferramentas ‘on line’ para realizar as súas xestións".
Ademais, Díaz tamén se marca como meta achegar aos colectivos unha maior presenza e difusión, en aras de dar a coñecer o labor que desenvolven e as actividades que organizan, a través da páxina web municipal.
Todos aqueles colectivos que forman parte do rexistro deben presentar anualmente a memoria de actuacións, así como o orzamento do que dispoñen e información actualizada na que figuren datos de contacto, a composición da súa directiva ou o número de persoas asociadas.
Estes documentos terán que renovarse cada ano, o que facilitará a axilización nas tramitacións a realizar nese período.
NOVA REMESA DE EXERCICIOS DO PROGRAMA SAUDEMENTE
Os voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Poio repartiron polas cinco parroquias do concello, durante a pasada fin de semana, unha nova remesa de exercicios a persoas maiores que participan no programa Saudemente.
Esta é a terceira vez que a Concellería de Benestar Social e Mocidade impulsa este envío vivenda por vivenda desde o inicio do confinamento, que obrigou a cancelar as sesións presenciais.
Na iniciativa tamén participa a alumna máis veterana do programa, María Luisa Sonderegger, veciña de Campelo de 97 anos de idade.
Relacionadas:
-
O prazo para a actualización do rexistro de asociacións de Poio finaliza o 17 de marzo
Por Redacción |
-
Benestar Social e Mocidade presenta unha programación con 20 actividades lúdicas e formativa
Por Redacción |
-
Benestar social envía fichas aos domicilios dos usuarios do programa "Saudemente"
Por Redacción |