Acepta un ano de prisión e unha multa de 18 euros por vender unha papelina de cocaína en Bueu
Por Natalia Puga
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenará coa súa conformidade unha muller de 32 anos que recoñeceu ante o tribunal que o 25 de xuño de 2017 vendeulle a outra persoa unha papelina que contiña un total de 0,093 gramos de cocaína, con un valor no mercado de venda en doses de 18,54 euros, a cambio de dez euros.
Os feitos ocorreron na rúa Pazos de Fontela de Bueu sobre as 22.17 horas daquel daquel día e chegaron a xuízo na Audiencia Provincial este martes, de modo que á hora de ditar sentenza o tribunal terá en conta a circunstancia atenuante de dilacións indebidas. Ademais, aplicarase outra atenuante da súa responsabilidade criminal, a de drogadicción, pois quedou constatada a adicción ás drogas da acusada.
A Fiscalía pedía inicialmente para a muller, K.G.P., a pena de 2 anos de prisión e o pago dunha multa de 55,62 euros, pero finalmente será condenada como autora dun delito contra a saúde pública a un ano de prisión e unha multa de 18 euros ao aplicarse estas dúas atenuantes.
A acusada, que nestes momentos se atopa privada de liberdade, chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía que evitou a celebración de xuízo e este martes tan só se situou diante o tribunal para recoñecer os feitos e aceptar a condena.
En base a este acordo, as maxistradas da sección cuarta da Audiencia ditarán unha sentencia condenatoria coa súa conformidade que xa será firme, pois todas as partes manifestaron durante a breve vista deste martes a súa intención de non presentar recurso fronte ao fallo.
Durante a breve vista celebrada na Audiencia, o avogado defensor da acusada tamén manifestou que a súa clienta é insolvente, de maneira que non pagará a multa de 18 euros. Ante esa falta de pagamento, deberá cumprir un día máis de privación de liberdade.