Un estudo de Ciencias da Educación e do Deporte alerta do perigo da falta de actividade durante o confinamento
Por Redacción
Unha investigación deseñada na Universidade de Vigo destaca as consecuencias negativas para a saúde de impedir a actividade física durante un confinamento, o que se traduce tamén en unha peor calidade do sono e do benestar das persoas.
Esta é a principal conclusión dun estudo liderado polo investigador do grupo Well-Move da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, Carlos Ayán, xunto con docentes das universidades de León, Complutense de Madrid e Isabel I.
Este estudo nacía co obxectivo de coñecer o impacto do confinamento provocado pola covid-19 nos niveis de actividade física e de benestar, no risco de sufrir desordes alimenticios e na calidade do sono.
"Impedir a práctica de actividade física durante un confinamento ten consecuencias negativas para a saúde da poboación, e este impacto é de moita maior magnitude naquelas persoas que no seu día a día son fisicamente activas", manifesta o investigador Carlos Ayán.
Para chegar a estas conclusións, analizáronse os resultados dunha serie de enquisas realizadas de xeito telemático a unha mostra integrada na súa meirande parte por alumnado universitario e fisicamente activo que, en termos xerais, presentaba tras 48 días de confinamento domiciliario unha diminución dos seus niveis de actividade física, un aumento de peso e un empeoramento da calidade do sono e do benestar percibido. Neste senso, "a importancia do estudo" radica, como sinala Ayán, en que o impacto do confinamento domiciliario foi "moito máis negativo" naquelas persoas fisicamente activas ao inicio da investigación, e que representan el 86% da mostra.
Ademais de detectar "unha clara redución dos niveis de actividade física nas persoas clasificadas como activas antes do confinamento", engade o investigador, tamén atopouse "un empeoramento xeneralizado na calidade do sono e nos hábitos alimenticios", cun impacto máis negativo nas persoas inicialmente activas fronte ás inactivas.
Relacionadas:
-
Investigadores da UVigo publican un estudo sobre marcha nórdica e esclerose múltiple
Por Redacción |
-
Desescalada no deporte: así viviron os atletas da Gimnástica os seus primeiros adestramentos no exterior
Por Redacción |
-
A avalancha de corredores sorprende a un xabaril na Illa das Esculturas
Por Manu Otero |
-
Os pontevedreses saen a respirar: madrugóns e distancias de seguridade no primeiro día de deporte e paseos
Por Diego Torrado & Redacción |