Poio non descarta tomar novas medidas pola evolución da pandemia
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio non descarta tomar medidas a maiores das que están vixentes na actualidade se a situación non mellora nos vindeiros días.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, sinalou que "á marxe do pequeno respiro que tivemos este domingo, a situación segue a ser preocupante".
Os datos facilitados pola Consellería de Sanidade informan que este luns en Poio hai 66 casos activos de coronavirus, é un contaxiado menos que o domingo. "De momento, a tendencia segue a marcar un aumento de casos e iso preocúpanos", admite Marga Caldas.
O goberno local lembra que se manteñen activos servizos como a recollida de lixo e entrega de alimentos e medicamentos a persoas enfermas en cuarentena, labor que desenvolven os voluntarios de Protección Civil, así como as desinfeccións en espazos públicos e centros de saúde ou colexios.
Por outra banda, a Policía Local tamén fai un chamamento á cidadanía para que informe en caso de que se detecte algunha posible infracción. "Os axentes non poden estar en todas partes á vez, nin controlar as xuntanzas privadas. Evitar ese tipo de situacións de risco é responsabilidade de todos e todas", recalca Caldas Moreira.
O corpo de seguridade recibe unha media diaria de 100 chamadas solicitando información sobre o peche perimetral e outras 15 aproximadamente nas que se dá parte de posibles infraccións.
Ao longo do pasado fin de semana, a Policía Local desenvolveu varios operativos, tanto para controlar o tránsito de vehículos, velando polo cumprimento do peche perimetral, como para detectar posibles aglomeracións en establecementos como supermercados, especialmente en horas punta.
Neste sentido, dende a comisión local de Emerxencias da covid-19, faise un chamamento a que, na medida do posible, a cidadanía trate de realizar as súas compras en horarios nos que non haxa risco de que se xunte demasiada clientela.
Marga Caldas defende o uso por parte da veciñanza de espazos abertos, onde "é moito máis sinxelo que non se produzan aglomeracións á hora de practicar deporte ou saír a dar un paseo, ben sexa de xeito individual ou con convivintes, que son as únicas opcións que permiten as restricións decretadas pola Xunta". É por iso polo que o Concello de Poio aposta por manter abertos emprazamentos como os paseos, as praias ou zonas verdes.
Onde si se establecerán limitacións de entrada será nas zonas comúns das instalacións deportivas, unha medida que, como mínimo, permanecerá vixente durante o que queda do mes de novembro.