Mentres isto dure é o programa de PontevedraVIva Radio que aborda as novas circunstancias que trouxo a pandemia xerada pola covid-19. Nesta ocasión céntrase na poboación de máis idade, tanto quen vive de forma autónoma, como quen o fai nunha residencia.
Para iso falamos con Rocío Carbón Sueiro, vogal daSociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía. Explícanos por exemplo que é o edadismo ou discriminación por idade, que emerxeu en maior grao durante este contexto pandémico "vendo o trato que se deu ás persoas maiores. No fondo o que se evidencia é unha asociación de maior a non válido e iso é o que hai que mudar", insiste.
Ademais como directora dunha residencia de maiores na provincia de Pontevedra, pode contar en primeira persoa como están a ser os últimos oito meses para o persoal que traballa nestes centros. Outra cuestión que responde sen dubidar é a estigmatización que se está a a facer das residencias.
A colación disto apela: "en cada área sanitaria necesitamos un centro integrado onde derivar os casos positivos e así evitar que se contaxien o resto de persoas maiores. Insistimos desde o mes de marzo que as residencias non son hospitais, non temos capacidade para illar dunha maneira efectiva".
Doutra parte, tras a denominada primeira onda a Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxíasolicitou ao Goberno un protocolo común de actuación para as residencias de maiores; a mediados deste novembro "non o hai". Dita entidade tamén reclamou impulsar a Xeriatría como especialidade médica e unha maior coordinación entre Servizos Sociais e Servizos Sanitarios.