A Deputación aproba investimentos por un total de 8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou na súa reunión deste luns investimentos por un total de 8 millóns de euros.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou en rolda de prensa destes investimentos "para a cidadanía e os sectores produtivos" que, segundo dixo "demostra unha enorme preocupación desta administración para garantir que os concellos teñan recursos".
Por este motivo Carmela Silva asegurou que "hoxe síntome moi orgullosa deste goberno e do conxunto dos funcionarios e do persoal desta Deputación".
O investimento máis importante é a dedicada ás estradas provinciais. Por unha banda está o Plan Móvese 3 (Movilidad e Velocidade Segura), que inclúe obras coas que se pretende mellorar a mobilidade con actuacións financiadas ao 100% pola institución provincial.
Esta terceira edición do Plan Móvese 2021-2022, está dotada con 2,7 millóns de euros, para 470 actuacións en 54 concellos.
As obras da Deputación centraranse no acougado do tráfico, apostando por unha redución efectiva da velocidade o que implica tamén unha diminución do número de accidentes. Así, implantaranse zonas 30, pasos de peóns sobre elevados e redutores físicos de velocidade de vehículos naqueles tramos das vías que os concellos consideren oportuno.
"Apostamos por accidentes 0", subliñou Carmela Silva, á vez que lembrou que se trata dun "investimento público para que as empresas se manteñan e xeren emprego".
Por outra banda, neste capítulo de infraestruturas, Carmela Silva tamén anunciou que este luns "aprobamos recursos para reforzar as brigadas propias que cobren todo o territorio", en total 3,2 millóns de euros.
Concretamente este luns adxudicouse os contratos das zonas norte (por un millón e medio de euros) e centro (por 800.000 euros). "O lote da zona sur, que será adxudicado en breve, está dotado de 880.000 euros", avanzou a presidenta.
Carmela Silva destacou que no goberno provincial (PSdeG + BNG) "temos un modelo propio de infraestruturas global e nunca nos desviamos" e por iso "estudamos o que quedaba por executar despois dos dous anteriores" plans Móvese e "incluímos actuacións solicitadas polos concellos e deseñadas pola Deputación". Ademais, engadiu "a DXT tennos como un referente".
ANTICIPOS AOS CONCELLOS
Outra das novidades anunciada por Carmela Silva afecta ao ORAL, a oficina de xestión tributaria e catastral da Deputación, na que se implementaron "novos proxectos para que os concellos garantan as súas necesidades a través dos seus tributos".
Así se cambiou a xestión dos tributos cobrados parcialmente de modo que tamén poderán contar con eses recursos e ten xa 4 millóns de euros "que poderán incorporar aos seus orzamentos".
Ademais ponse ao dispor dos concellos anticipos a conta por valor de 75 millóns de euros. O ano pasado foron 63 millóns. Carmela Silva lembrou que os concellos "necesitan recursos canto antes nun momento tan complicado".
"Funcionamos moi ben e preocupámonos por garantir que os concellos teñan recursos", insistiu a mandataria socialista.
OUTROS ASUNTOS
Ademais a Xunta de Goberno aprobou destinar 340.000 euros do Plan Concellos para Cambados, A Cañiza, Dozón e Lalín. Tamén se aprobaron 234.000 euros para o "contrato ponte" do servizo de administración electrónica.
Igualmente aprobouse a concesión de axudas de 80.000 euros a 20 escolas de música para financiar gastos correntes e de persoal. Son 3 máis que o pasado ano e están localizadas en 15 concellos.
Relacionadas:
-
Novo "numerito" no pleno da Deputación en que se aprobaron os orzamentos para 2021 co PP abandonando a sala
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP cualifica de "inmoral e indigno" o aumento de soldos e dedicacións exclusivas na Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
A Deputación aprobará este venres investimentos por case 2 millóns de euros para 18 concellos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación ten previsto investir 2,5 millóns de euros en 478 obras en estradas provinciais
Por Redacción |