Denuncian seis non conviventes nunha vivenda do centro histórico e cinco tomando bocadillos nun bar de Lérez
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra tivo nos últimos días dúas intervencións rechamantes en relación co control das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para frear a expansión da covid-19. Así, durante a fin de semana sorprenderon e denunciaron a seis persoas non conviventes que estaban xuntas nun domicilio e o pasado xoves atoparon un bar aberto a pesar de non estar autorizada a súa actividade e, no interior, a cinco non conviventes.
No caso do bar, trátase dun establecemento situado en Lérez que xa fora denunciado con anterioridade e que sobre as 20.30 horas do pasado xoves 12 de novembro estaba aberto. Os policías locais que acudiron ao local atoparon a unha persoa atendendo o negocio e denunciárona por realizar unha actividade non autorizada, pois cabe lembrar que no perímetro de Pontevedra, Poio, Marín, Barro, Ponte Caldelas Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior a Xunta estableceu o peche da hostalería excepto para comida para levar.
Ademais, dentro do bar había cinco persoas consumindo bebidas e bocadillos que non eran conviventes, de modo que os policías tamén os denunciaron no seu caso, por incumprir a norma de que as reunións sociais deben limitarse, nestes mesmos municipios, ás persoas coas que se convive.
Durante a pasada semana, de luns a venres, a Policía Local denunciou a tres persoas por incumprir a obrigación de levar a máscara e durante a fin de semana, a outra máis por ese mesmo incumprimento.
Durante a fin de semana, ademais, a Policía recibiu unha chamada por exceso de ruído nunha vivenda do centro histórico e, cando os axentes desprazáronse para comprobalo, atopáronse con que no domicilio había seis persoas non conviventes que foron denunciadas igualmente por incumprir as normas anti covid-19.
A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, deu a coñecer este luns estas denuncias e tamén que a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo está a recoller na actualidade os residuos en 14 vivendas da cidade nas que os seus habitantes están confinados por covid-19.