A Toxa e Meis, claves para posicionar a Galicia como destino turístico para a práctica do golf
Por Redacción
Un grupo de representantes de seis operadores internacionais especializados na comercialización do golf como produto turístico visitan estes días Galicia co fin de coñecer a oferta turística galega nesta especialidade. Convidados por Turismo de Galicia, os axentes turísticos percorrerán ata este domingo as principais instalacións galegas para a práctica do golf, así como os aloxamentos e outros servizos de turismo.
Os operadores proceden de Irlanda, Holanda, Reino Unido e Alemaña, e representan ás empresas Loraine Cunningham, Costa Golf, Golf de Costas, Primus Tours, Time 4 Golf Company GMBH e GTN Golf Travel Network. A selección dos participantes fíxose tendo en conta a súa importancia na intermediación das viaxes relacionados co golf.
O obxectivo desta viaxe de familiarización é dar a coñecer Galicia como destino de golf a través dos seus campos e servizos complementarios para ser incluída nos programas específicos de golf do exterior, así como presentarlles aos operadores turísticos un produto concreto con distintas opcións.
Os participantes nesta viaxe chegaron a Santiago de Compostela. Logo, trasladáronse a Mondariz Balneario. Este mércores e xoves, 5 e 6 de setembro, visitarán a illa da Toxa e a súa infraestrutura hoteleira e de golf, así como tamén o campo de golf de Meis.
Na súa estadía en Galicia, os operadores turísticos especializados en golf tamén poderán coñecer parte da oferta turística das Rías Baixas e da cidade de Santiago de Compostela.
Turismo de Galicia aposta así polo golf para a súa conversión en recurso turístico da comunidade. Desde a Administración Turística galega recordan que tense posto en marcha un Plan de Turismo de Golf 2010-2013 que pon en valor a oferta de golf de Galicia e que actúa sobre catro categorías: a imaxe e a comunicación, o produto, a comercialización e a promoción.