Poio e O Grove presumen de visitantes en agosto ao superar con creces as cifras de 2012
Por Redacción
Unha ocupación real do 82%, cifra 17 puntos superior á acadada nas mesmas datas do pasado ano. Son os magníficos datos desvelados este mércores pola Concellaría de Turismo do Concello de Poio sobre as visitas recibidas nas oficinas de turismo municipais e a ocupación nos establecementos hoteleiros durante a segunda quincena de agosto. Algún destes chegaron ao 100% de ocupación durante o pasado mes.
O mes de agosto remata polo tanto en Poio cunha ocupación media dun 84,5%. O bo tempo que acompañou durante todo o mes axudou a acadar uns datos que non se recollían dende hai xa uns anos. Aseguran desde o goberno municipal que a Vuelta a España "non se notou especialmente no municipio", a diferencia de outros como a Festa do Mar ou a Mostra Gastronómica, eventos aos que acudiron milleiros de turistas e visitantes.
Respecto aos visitantes rexistrados nas oficinas de turismo municipais, nesta segunda quincena do mes de agosto acadouse a cifra de 3.100 persoas, das que un 94% corresponden a visitantes nacionais e un 6% a visitantes internacionais.
De entre os primeiros destacan os procedentes de Madrid (20,03%), País Vasco (14,25 %), Cataluña (10,43%) e Andalucía (10,01%) . En relación aos visitantes internacionais destacaron nesta segunda quincena os turistas procedentes de Alemaña, Italia, Portugal e Francia.
MAIS TURISTAS NO GROVE
Agosto foi tamén un bo mes no Grove. Así se recolle nas estatísticas da Oficina de Información Turística. Pasaron por ela un total de 11.676 visitantes. No mesmo mes do ano anterior foran 9.448 persoas. Do total de visitantes o 51% tiñan entre 35 e 60 anos e algo mais de 10.000 foron españois. O resto, case 1.000, foron estranxeiros.
Algo máis do 60 % non coñecían o municipio e o 54 % aloxáronse en hoteis. Case a totalidade chegaron ao Grove en coche e case un 50% pernoctaron sete ou máis noites. As principais comunidades das que chegaron os visitantes foron Madrid, País Vasco, Cataluña e Castela e León. Os países emisores foron Portugal, Francia, Alemaña e Reino Unido, entre outros.
O motivo principal da visita ao municipio do Grove segue a ser o seu entorno natural e cultural. Ademais, pasaron 35 persoas facendo o Camiño de Santiago e a gastronomía foi outra das razóns da visita á vila.