Un novo parque biosaudable en Silvoso súmase á oferta de lecer en Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas conta desde este mércores cun novo parque biosaudable, composto por varios aparellos para a práctica de ximnasia de mantemento. O lugar elixido é unha zona de Silvoso de Arriba onde tamén existe un parque infantil. Estes aparellos están especialmente deseñados para favorecer a práctica de deporte entre as persoas maiores adaptando cada movemento ás necesidades psicomotrices dos usuarios.
O motivo de instalalo nunha zona onde tamén existe un parque infantil é, segundo o goberno municipal, co obxectivo de que nestas zonas de lecer no rural exista interrelación entre as distintas xeracións que vivan na zona: avós, pais e nenos.
O Concello de Ponte Caldelas está levando a cabo, en colaboración co Plan de Investimentos da Deputación de Pontevedra, a instalación destes parques biosaudables en varias das súas parroquias e lugares do municipio co fin de facilitar o acceso a este tipo de aparellos polo maior número posible de persoas. O obxectivo é que aos poucos todas as parroquias do municipio conten cunha instalación deste tipo.
Estes parques biosaudables son cada vez máis demandados pola poboación, tendo en conta que axudan ao mantemento físico das persoas maiores á vez que completan a oferta lúdico-recreativa e de entretenimiento existente nos diferentes lugares do municipio, máis aló do seu casco urbano.