Os ecoloxistas, escépticos ante a denegación dos permisos para a mina de litio
Por Redacción
A plataforma SOS Suído-Seixo non se fía da decisión da Xunta de Galicia de denegar a autorización para a explotación da mina de litio coñecida como Alberta I, que afectaría entre outros aos concellos de Cerdedo-Cotobade e A Lama.
"Somos escépticos", recoñecen desde este colectivo ecoloxista, que apunta que "de ser certo este rexeitamento" sería grazas ao traballo realizado desde a sociedade civil "para atallar as irregularidades observadas na tramitación da concesión de explotación mineira".
Consideran que o motivo principal desta negativa son as posibles accións legais ás que se enfrontarían os responsables da tramitación do expediente, como os ecoloxistas expuxeron nas alegacións presentadas, ás que a Xunta de Galicia "non deu ningunha resposta".
Con todo, a plataforma advirte que non baixará a garda porque sospeitan que o procedemento se retomará nun futuro, "favorecendo os intereses da empresa en detrimento do interese xeral, tal e como se ten actuado ata o de agora".
Todo o proceso administrativo desenvolvido ata este momento, afirma este colectivo, "estivo cheo de irregularidades e escurantismo".
Dende SOS Suído-Seixo destacan que "seguiremos defendendo activamente o legado que herdamos dos nosos antepasados, o monte e o agro, os seus valores naturais e culturais así como os usos e aproveitamentos presentes e futuros, velando polos intereses da veciñanza para que se cumpra escrupulosamente a normativa ambiental".
Relacionadas:
-
Medio cento de persoas maniféstanse contra a minería na Serra do Suído
Por Redacción |
-
Denegan os permisos para a mina de litio en Cerdedo-Cotobade e A Lama
Por Redacción |
-
O PSdeG esixe as máximas garantías ambientais na mina de litio Alberta I
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG lanza unha ofensiva institucional para que o proxecto mineiro Alberta I se someta a avaliación de impacto ambiental
Por Oskar Viéitez |