Un Nadal alternativo en Poio para adaptarse ao contexto da covid-19
Por Redacción
A Concellería de Cultura de Poio está a ultimar a programación de Nadal que, como non podía ser doutro xeito, adaptarase ao contexto actual, derivado da pandemia da covid-19.
"Non queremos renunciar a ofrecer á veciñanza e, especialmente, ás nosas crianzas, para que poidan gozar de xeito seguro destas datas tan emblemáticas e que, por desgraza, tan diferentes van a resultar con respecto a outros anos", indica a titular deste departamento, Raquel Rodríguez.
O Concello seguirá a liña iniciada á hora de impulsar a programación alternativa das Festas de San Xoán ou o Reinicia o Verán, iniciativas que resultaron todo un éxito e que levaron ás cinco parroquias do concello diferentes actividades, todas elas cumprindo cos requisitos de aforo, seguridade e distanciamento que marcan as autoridades sanitarias.
Deste xeito, a Concellería de Cultura está a elaborar un programa no que o humor, a música ou os espectáculos de maxia terán un marcado protagonismo. Ademais, tamén se apostará por fórmulas vía 'on-line'.
"Lamentablemente, este ano, perante a situación actuar, vémonos na obriga de descartar eventos masivos, como é o caso da Cabalgata de Reis, pero estamos a traballar nunha programación que cremos que resultará atractiva para toda a familia. Somos conscientes de que este ano foi moi duro e queremos ofrecerlle á xente fórmulas para que poidan gozar dun xeito acorde á realidade na que nos atopamos actualmente", engade Rodríguez.
A edil ten claro que o Nadal é o motor económico de moitos sectores, como o do mar, o comercio ou a hostalería. "Habida conta da situación na que nos atopamos, as administracións públicas debemos apostar por accións que axuden a incentivar o consumo. A dinamización cultural xogará un papel importante na busca dese obxectivo", salienta.
Fomentar o espírito destas datas, poñer en valor a cultura local e promover sentimentos de unión e proximidade, axudando tamén a concienciar da importancia da aposta polo comercio local agora máis que nunca, son os obxectivos que se marca o Concello con esta programación alternativa.
Ademais, nos últimos días procedeuse a instalar o alumeado de Nadal, que se acenderá a principios do vindeiro mes de decembro e permanecerá operativo ata despois do Día de Reis.
"Entendemos que o alumeado supón un valor engadido para conseguir ese espírito de celebración e tradición tan necesario, axudando a dinamizar a actividade dos negocios do noso concello", argumenta a concelleira de Cultura.
Este ano instalaranse ata 266 motivos de Nadal diferentes, que inclúen elementos decorativos para habilitar nas luminarias das principais vías do concello, así como en rotondas, igrexas ou na fachada da Casa Consistorial.
Ademais, reforzarase a decoración en puntos estratéxicos, como poden ser a Praza da Chousa de Combarro, a contorna de Costa Xiráldez en Lourido, a Alameda do Mosteiro ou as prazas de Campelo, Raxó e Samieira. Para esta actuación, a Administración local inviste máis de 40.000 euros.
Relacionadas:
-
As festas de San Xoán recuperan os seus concertos
Por Redacción |
-
O Nadal xa ten luz en todo Poio
Por Alejandro Espiño |
-
Meaño adianta o Nadal e ilumina un corazón na praza nova de Dena
Por Redacción |
-
Sanxenxo rozará os 100.000 euros de investimento na súa iluminación de Nadal
Por Redacción |
-
O Concello do Grove asume este ano a totalidade do custo da iluminación de Nadal
Por Redacción |
-
Campaña para fomentar o comercio local de Caldas con cheques agasallo
Por Redacción |
-
Luces, concursos e un vídeo para crear ambiente de Nadal e incentivar o consumo en Marín
Por Redacción |
-
A campaña solidaria de recollida de xoguetes volve poñerse en marcha en Poio
Por Redacción |