Portas amplía o seu parque de maquinaria cunha trituradora de póla para uso forestal e medio ambiental
Por Redacción
O Concello de Portas vén de recepcionar unha máquina trituradora de póla que se incorporará ao parque de maquinaria municipal para o uso por parte da brigada de obras e servizos no mantemento do equilibrio ecolóxico no municipio durante as tarefas de limpeza e roza.
O investimento total desta máquina é de 38.590,53 euros, o prezo no que finalmente foi adxudicada no proceso de selección das diversas ofertas presentadas e conta cunha subvención de 31.847,20 euros procedente do Fondo de Compensación Ambiental dependente de Vicepresidencia da Xunta.
Segundo manifestou o alcalde, Ricardo Martínez, "esta máquina trituradora de póla irá destinada a facer un importante labor de limpeza e sostenibilidade medioambiental xa que será empregada nos labores de roza forestal, sobre todo de especies pirófitas e invasoras que imos eliminando a medida que imos intervindo en diversos lugares do municipio".
Ricardo Martínez indicou que a intención é aproveitar os restos das pólas que se eliminan nestas cortas e rozas forestais na elaboración de compost e así contribuir ao desenvolvemento do plan de compostaxe que ten en marcha o Concello para aproveitar estes refugallos.
Finalmente, o alcalde sinalou que a intención do Concello é chegar a acordos de colaboración con comunidades de montes e entidades veciñais coa intención de darlle un uso "sostible e acorde coas necesidades que se vaian plantexando" para sacarlle o máximo rendemento a esta máquina.