O mercado ambulante de Carballedo segue a celebrarse contra vento e pandemia
Por Redacción
Carballedo, no municipio de Cerdedo-Cotobade, continúa realizando o seu mercado ambulante mensual. A Praza da Chan segue acollendo esta actividade comercial a pesar do confinamento perimetral no que se atopa este Concello debido ás restricións sanitarias establecidos para frear a expansión da pandemia da covid-19.
Desde o goberno local sinalan que os propios comerciantes que participan nesta feira manifestaron a súa intención de seguir realizando a actividade para contribuír a ofrecer unha imaxe de "certa normalidade" fronte á situación provocada polo virus.
O público asistente durante esta xornada mantivo as medidas de seguridade, a través do uso de máscaras, distancia entre as persoas e en relación aos postos de venda. O espazo conta tamén con dispensadores de xel hidroalcóholico.
Os comerciantes manifestaron que as restricións establecidas pola Xunta provocaron un descenso na afluencia de compradores do mesmo xeito que está a suceder noutras iniciativas comerciais.
Pola súa banda, Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, mostraba a súa satisfacción porque se celebre o mercado ambulante ao entender que axuda a dinamizar a vila e facilita o movemento da economía local.