O PP pide un Plan de Nadal para fomentar o comercio local con concursos de panxoliñas e beléns
Por Redacción
Pepa Pardo, concelleira do Partido Popular, presentou por rexistro no Concello a petición para que se elabore un Plan de Nadal, destinado ao fomento de compras no comercio local durante as próximas semanas.
A representante popular considera que esta medida se debe adoptar para axudar un sector que está a atravesar un momento "duro". Pide un consenso entre o goberno local, a oposición e os axentes representantes do comercio pontevedrés, pequenas empresas e autónomos.
Para que se unan todas as partes implicadas reclama a convocatoria da Mesa de Comercio do Concello de maneira "urxente e extraordinaria" para coñecer todas as opinións e buscar as actuacións que poidan fomentar a campaña.
Entre as medidas que propón Pepa Pardo se atopa a convocatoria dun concurso de escaparatismo entre o comercio local cun premio de 350 euros para quen participe. Ademais ofreceríanse tres premios, de 1.200; 850 e 600 euros cada un. Habería dous xurados, un formado por integrantes da corporación e outro de carácter popular, que contaría coa opción de acceder a un sorteo para lograr un cheque trocable por produtos que ofrezan os comercios e hostalería da cidade.
Tamén propón un concurso de panxoliñas entre as asociacións culturais, parroquiais e centros educativos, coa intención de que canten nas prazas da cidade durante diversos días. A concelleira sinala que esta actividade debería realizarse "sempre respectando restricións derivadas da covid-19". Tamén, neste caso, repartiríanse tres premios: de 600, 300 e 100 euros, consistentes en cheques para facer uso no comercio local.
Ademais, Pardo é partidaria da creación dun concurso de beléns, que conte tamén cun xurado mixto con representantes políticos e da sociedade civil. Por último, no documento inclúe un concurso de decoración destinado ao persoal do Concello, que tamén estaría premiado con produtos adquiridos no comercio local ou con vales de compra.