A área sanitaria suma 64 novos positivos por covid-19 tras unha xornada con 926 PCR e tres pacientes menos no hospital
Por Natalia Puga
Na última xornada o Servizo Galego de Saúde realizou na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 926 probas PCR nas que se detectaron 64 novos positivos por covid-19.
Segundo consta no balance oficial da Consellería de Sanidade, estes 64 novos contaxios, restadas as 44 altas que se deron nas últimas 24 horas, sitúan o total de casos activos na área sanitaria nun total de 1.270, 20 máis que o xoves.
Este venres hai 1.187 pacientes que evolucionan nos seus domicilios e 83 que o fan nos hospitais da área sanitaria. Son tres pacientes hospitalizados menos que un día antes.
Na última xornada non se rexistraron cambios na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que mantén cinco pacientes con covid-19, pero si nos ingresos en planta. Así, hai 78 fronte aos 81 do xoves.
Os pacientes ingresados en planta de hospitalización están repartidos da seguinte forma: 58 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 3 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 17 no Hospital do Salnés.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 3.056 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 41 pacientes. A última vítima mortal foi este xoves unha muller de 87 anos que estaba ingresada no Hospital do Salnés procedente da residencia DomusVi de Ribadumia.
En canto a realización de PCR’ s, esas 926 realizadas nas últimas 24 horas elevan a 76.086 o total de probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
A nivel autonómico, nas últimas 24 horas Sanidade dá conta de 611 casos confirmados de covid-19 por probas PCR, que, restadas as altas, sitúa o total de casos activos na comunidade en 9.532.
Segundo o último balance oficial, nos hospitais galegos hai 590 pacientes hospitalizados, dos que 494 están ingresados en planta e 96 en unidades de coidados intensivos.
Ata o de agora curouse en Galicia 33.624 pacientes e faleceron pola enfermidade en Galicia 1.046 persoas. Realizáronse desde o inicio da pandemia 780.668 probas PCR e 409.211 test serolóxicos
Relacionadas:
-
Falece no Hospital do Salnés unha cuarta paciente que procedía da Residencia DomusVi de Ribadumia
Por Redacción |
-
Baixan a sete os concellos da área sanitaria en alerta vermella por alta incidencia de covid-19
Por Natalia Puga |
-
O virus mantén a 86 persoas ingresadas en centros hospitalarios da área sanitaria
Por Oskar Viéitez |