A Escola de Cantería consegue a acreditación como centro de formación para a expedición de certificados de profesionalidade
Por Redacción
Importante paso adiante para a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. O alumnado poderá completar os seus estudos coa obtención de dous certificados de profesionalidade en "Elaboración de pedra natural" e "Obras de artesanía e restauración en pedra natural", despois de que a Consellería de Emprego e Igualdade notificara esta semana a resolución favorable á solicitude formulada pola institución provincial o pasado mes de agosto.
Os certificados de profesionalidade son documentos oficiais habilitantes no eido da Administración laboral e implican que a Escola de Cantería quedou inscrita no Rexistro de Centros e Entidades para a Formación e o Emprego de Galicia.
O acordo favorable, que asina a directora xeral de Formación e Colocación da Consellería, expón que a Deputación reúne tódolos requisitos legais, que cumpriu co procedemento administrativo establecido e que as instalacións de Boa Vista (Poio) son aptas. Deste xeito utilizarase unha das aulas para impartir os contidos teóricos e a ampla nave, que está dividida en zonas de escultura, cantería, moldeado/baleirado, zona de maquinaria e anexo de carga e descarga, para a realización das prácticas.
A obtención dos dous certificados de profesionalidade foi posible despois de que ao longo deste ano 2020, a Deputación abordara o problema herdado da situación urbanística irregular do edificio da Escola de Cantería, que carecía da licenza municipal de actividade por parte do Concello de Poio. Para elo realizou obras, valoradas en 440.000 euros, para a súa adaptación ás normativas de prevención de riscos laborais, accesibilidade e contaminación acústica.
O Goberno provincial asegura que seguirá traballando ata conseguir a creación dos títulos no eido educativo cos ciclos de Formación Profesional, para o que é imprescindible que a Consellería de Educación asuma a transferencia da titularidade da Escola. No terreo da Formación Profesional regrada, o avance xa depende da participación directa da Xunta de Galicia como Administración responsable e titular dos centros de FP.
A Escola de Cantería, que conta na actualidade con 14 alumnos procedentes de diversos puntos de España, atende ademais a outras 20 persoas que acoden para recibir formación nocturna específica en talla e escultura.
Relacionadas:
-
Unha exposición no Mosteiro de San Xoán homenaxeará a cantería de Poio
Por Redacción |
-
O Congreso insta ao Goberno a crear unha nova titulación de FP de cantería
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación anima á mocidade para descubrir a cantería e valorala como opción de futuro
Por Redacción |
-
O PP reclama en Madrid que se recoñeza a formación da Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |
-
Esnaquizan un cruceiro en Madrid realizado por canteiros pontevedreses
Por María José Pita |
-
Estritas medidas de seguridade e instalacións reformadas no inicio do curso da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Un mestre canteiro formado en Poio é o gañador do Premio Driehaus das Artes da Construción
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería ultima os preparativos do novo curso
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería xa está máis preto de conseguir a homologación dos seus estudos
Por Redacción |