"Atrancos" de Telefónica e Fenosa complican o novo acceso a Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño
As obras da nova estrada de acceso a Monte Porreiro polos Campos atopouse cun problema inesperado. A burocracia en dúas grandes empresas de subministración de enerxía, Fenosa e Telefónica, segundo desvelou o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez.
Ambas compañías deben retirar varios postes que se atopan no trazado do novo vial. Son traballos que constan no proxecto, xunto co orzamento correspondente, e que no seu momento foran informados positivamente polas dúas empresas.
O edil explicou que neste momento a principal dificultade radica no contacto coa empresa Telefónica coa que, dixo "é imposible comunicarse".
Aclarou que "hai algo aí que non funciona ben" entre a subcontrata e Telefónica "que nos ten moi descontentos" e que fai que o Concello denuncie que "non están tratando ben" aos veciños e veciñas de Pontevedra "e por aí non pasamos".
"A partir de agora imos estudar e adoptar todas as medidas que sexan precisas para que Telefónica realice eses traballos", advertiu o responsable de Mobilidade.
Os traballos que lle corresponden a Telefónica recollidos no proxecto consisten na retirada de catro postes.
No caso de Fenosa, Demetrio Gómez explicou que, tras dous meses de negociacións, xa conseguiu desbloquearse parte da situación.
Os traballos previstos custaban inicialmente en 5.694 euros, pero Fenosa á hora de executalos enviou un novo orzamento por un importe de 7.453 euros que ademais non incluía a totalidade da actuación.
"Por suposto, plantámonos e dixemos que non pagabamos", afirmou Demetrio Gómez, que informou que a empresa enviou unha valoración por unha parte dos traballos por 3.400 euros. Será a retirada dos postes da liña vella que quedan no trazado do novo vial.
Queda pendente de orzamentar o resto dos traballos, que se refiren á retirada dun poste que queda situado na zona verde detrás do edificio do GDR e que debe ser cambiado de ubicación.