O concurso para deseñar o novo mercado de abastos de Sanxenxo ten 17 finalistas
Por Redacción
O xurado do concurso de ideas para o novo mercado de abastos de Sanxenxo reuniuse por conferencia este luns para realizar a primeira criba dos sesenta e tres proxectos presentados. De todos eles, seleccionaron 17 propostas, das que sairá a gañadora.
O proxecto base contempla a construción dun edificio de cinco plantas e dous sotos, así como o acondicionamento da contorna e das rúas adxacentes por un orzamento total que supera os 4,5 millóns de euros.
As propostas preseleccionadas sitúan o espazo do mercado entre a planta baixa e a primeira, e proxectan, na maioría dos casos, un miradoiro na cuberta con zona de restauración.
O xurado incidiu, durante o encontro, na importancia de que o edificio funcione de forma autónoma os días nos que non haxa mercado, é dicir, que se poida acceder á biblioteca ou á zona de restauración de forma independente.
A próxima semana cada membro do xurado seleccionará as súas sete propostas finalistas que serán debatidas o próximo 23 de novembro nun encontro que terá lugar na Sala Nauta e na que se decidirá o proxecto gañador.
O primeiro premio está dotado con 20.000 euros, o segundo, con 6.000 euros e o terceiro, con 3.000 euros. Ademais, entregaranse ata catro accésits de 500 euros cada un. A proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto.
Relacionadas:
-
O equipo de arquitectos de 'Os luns ao sol' visitan a praza de abastos de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O futuro edificio do mercado de abastos de Sanxenxo será translúcido, sostible e funcional
Por Redacción |
-
Os luns ao Sol, lema do proxecto gañador do concurso de ideas para o mercado de abastos de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O xurado do concurso do Mercado de abastos de Sanxenxo visualiza as 60 propostas
Por Redacción |
-
O concurso de ideas para deseñar o futuro mercado de abastos de Sanxenxo recibe 63 propostas
Por Redacción |
-
Sanxenxo recibe máis de 50 propostas para deseñar o novo mercado de abastos
Por Redacción |