'Quen é quen?', unha cadea de descontos para premiar a fidelidade ao comercio local en Poio
Por Redacción
'Quen é quen?'. Detrás deste título escóndese a última iniciativa posta en marcha polo Concello de Poio a través do programa Poio Confía para premiar, neste caso, a fidelidade da clientela ao comercio local. Supón crear unha especie de cadea de descontos segundo a cal canto máis se merque nos negocios do municipio máis vantaxes se lograrán.
A iniciativa porase en marcha nas vindeiras xornadas e suporá que todas aquelas persoas que merquen en locais que se adhiran a ‘Quen é quen’ gozarán de descontos á hora de efectuar compras noutros establecementos locais que tamén se asocien á campaña. Ademais, entrarán no sorteo de diferentes agasallos que se entregarán a finais do vindeiro mes de decembro.
No momento de efectuar unha compra, o cliente levará un vale de desconto do que poderá facer uso noutros negocios adheridos e que incluirá un código para o sorteo.
Os establecementos que formen parte de ‘Quen é quen’ contarán cun selo distintivo físico e dixital que axudará á súa identificación e localización por parte da cidadanía.
A actividade ten o foco posto na campaña de Nadal, se ben pretende ir máis alá á hora de consolidar os lazos entre o tecido empresarial do municipio e a veciñanza. A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, e o edil de Promoción Económica, Gregorio Agís, mantiveron a pasada semana unha reunión informativa coa rede de Poio Confía para deseñala.
A campaña consolida a filosofía do programa Poio Confía, posto en marcha como resposta á pandemia da covid-19 e que defende, tal e como insisten desde o Concello, en que "a través de unión é como podemos axudar a dinamizar e mellorar a sustentabilidade do tecido empresarial do concello nestes tempos tan complicados, provocados pola pandemia".
O Concello de Poio deu a coñecer este luns que ten en estudio medidas para tratar de paliar a situación económica da hostalería, o sector máis afectado polas últimas restricións adoptadas pola Xunta de Galicia na loita contra a pandemia. Entre outras medidas, Poio Confía está a traballar na elaboración dun catálogo no que a cidadanía poderá consultar toda a información de interese sobre aqueles negocios que dispoñen de servizo de recollida ou entrega de comida a domicilio. A maiores, estanse valorando outras fórmulas de axuda, como outorgar apoios para adquisición de envases que se utilizan para levar os encargos.
Os negocios do sector interesados en sumarse a esta iniciativa poden enviar os seus datos á dirección de correo electrónico poioconfia@gmail.com. Ademais, ponse á súa disposición o teléfono 625120475 para resolver calquera tipo de dúbida.
Relacionadas:
-
Valoran positivamente a experiencia da campaña 'Quen é Quen?' con 52 negocios participantes
Por Redacción |
-
Máis de 50 negocios do tecido empresarial de Poio participan na campaña 'Quen é quen?'
Por Redacción |
-
Move as túas redes sociais con PonteLovers, podes gañar unha cesta de Nadal de 900 euros
Por Redacción |
-
O prendido do alumeado de Nadal en Poio poderá seguirse online
Por Redacción |
-
Así é o novo mapa virtual de Poio Confía
Por Redacción |
-
Poio posiciónase ao carón da súa hostelería e traslada as súas demandas a Sanidade
Por Manu Otero |
-
Preto de 100 empresas e negocios foron asesorados a través do programa Poio Confía
Por Redacción |