Educación autoriza que os recreos dos colexios Froebel e Doroteas sexan na rúa Alfonso XIII
Por Alejandro Espiño
A hora do recreo nos colexios Froebel e Doroteas será, se así o deciden os seus responsables, na rúa Alfonso XIII. Esta medida adóptase pola situación da pandemia en Galicia e ante os problemas de espazo que teñen ambos os centros para cumprir cos protocolos.
As autoridades educativas, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, emitiu un informe favorable a esta decisión e, tras este permiso, o Concello aprobou definitivamente esta proposta.
Alfonso XIII pasará a estar cortada ao tráfico durante o recreo dos dous colexios, entre as 11:30 e as 12:15 horas. Só poderán acceder os residentes.
"É unha proposta lóxica que entra dentro da estratexia municipal para a posta a disposición do espazo público para garantir a seguridade nos recreos", defendeu o Concello.
Na rúa habilitarase un espazo duns 800 metros cadrados, aos que se sumarán outros 400 metros cadrados na praza de Concepción Arenal. Estas zonas estarán delimitadas por cintas de balizamento e utilizaranse os pivotes e os farois para perimetrar o espazo.
O tráfico peonil por esta rúa, aclara Anabel Gulías, estará garantido a través de pasos habilitados nos extremos do vial.
Cada día os colexios terán que comunicar se fan uso do espazo público para os recreos, de forma que se poida delimitar a rúa con elementos físicos.