Incendio nun edificio abandonado fronte ao centro de saúde de Vilagarcía
Por Redacción
Un incendio alertou este martes os veciños de Vilagarcía de Arousa. A diferenza dos últimos sustos vinculados ao lume que sufriron, non se trataba dun monte ardendo, senón dun edificio abandonado. A alarma que xurdiu pola altura que alcanzaron as chamas e o despregamento de medios de extinción e seguridade incrementouse pola situación do inmoble, fronte ao centro de saúde do municipio.
O lume produciuse na zona das Carolinas arredor das 23.00 horas da noite por causas que, ata o momento, se descoñecen. A pesar da alarma inicial entre os veciños, non foi necesario o desaloxo de ningún edificio. Algúns residentes no ámbito si saíron voluntariamente das súas casas.
Ademais, o despregamento das policías Local e Nacional, os Bombeiros e Protección Civil de Vilagarcía chamou a atención das persoas que entraban neses momentos na localidade, pois o centro de saúde está situado nunha das entradas a esta.