O luns abre unha campaña extractiva da centola e do boi chea de incertezas
Por Oskar Viéitez
A Consellería do Mar abre este luns a campaña extractiva da centola e do boi nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Nas áreas que van da Guarda ata cabo Corrubedo (na provincia de Pontevedra) e de cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña), a frota que se dedica á extracción destas especies pode calar os aparellos a partir da próxima madrugada e levar as especies á lonxa mañá luns.
A campaña destes crustáceos nestas dúas provincias prolongarase ata o inicio da veda do ano 2021, que se fixará a través do correspondente plan de xestión.
A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, á que se lle engadirán 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo.
Poderán participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base nesta comunidade así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.
A campaña comeza chea de incertezas porque a demanda non vai ser a mesma, diante do peche da hostalería en sesenta concellos galegos durante un mes.