A área sanitaria dá 64 altas a enfermos de covid pero o número de contaxiados segue crecendo
Por Oskar Viéitez
Este domingo 8 de novembro a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés mantén 70 pacientes covid ingresados en planta de hospitalización. Destes, 51 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, un no Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez e 18 no Hospital do Salnés.
Ademais hai 5 pacientes de coronavirus na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo.
Así mesmo, permanecen 1.157 casos evolucionando en domicilio co que o número total de casos activos nesta área Sanitaria é de 1.232, é dicir, o número creceu en 3 contaxiados máis que onte sábado.
Desde o inicio do plan de continxencia do covid-19 curáronse 2.797 pacientes. Nas últimas 24 horas a área Sanitaria deu 64 altas máis.
Faleceron por este virus na área sanitaria 36 pacientes, os últimos, este sábado, en Montecelo un home de 65 anos que presentaba patoloxías previas e no Hospital do Salnés unha muller de 72 anos, procedente da residencia DomusVi Ribadumia.
En canto a realización de PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 1.224, que se engaden ás 72.259 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 10.109 deles 1.868 son da área da Coruña, 1.127 da de Lugo, 1.082 da de Ourense, 1.232 da de Pontevedra, 2.503 da área de Vigo, 1.226 da de Santiago, e 1.071 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 89 están en UCI, 483 en unidades de hospitalización e 9.537 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 30.662 persoas curadas, rexistrándose 981 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 746.637.