Impiden a recollida solidaria de alimentos dos hostaleiros por falta de permiso
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Finalmente suspendeuse a recollida solidaria de alimentos que impulsaba un grupo de hostaleiros de Pontevedra para doar ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro.
Diante do peche forzoso dos seus establecementos polas restricións impostas pola Xunta para frear a incidencia da covid nesta zona, algúns empresarios decidiron entregar para fins sociais todos os alimentos que tiñan nas súas neveiras.
A recollida ía ter lugar este sábado en "La Estafeta" e o "Mulligans" en horario de mañá de 12 a 14 horas e de tarde de 18 a 20 horas. Así llo informaron á Policía Nacional, Autonómica e Local. Con todo non foi notificado á Xunta de Galicia.
Segundo informaron os organizadores, este sábado, horas antes de iniciarse a recollida, unha patrulla de axentes da Policía Nacional acudiu a un destes establecementos para advertir que non estaba autorizada a apertura do local para facer esta entrega solidaria de alimentos.
A propia subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba atopouse fronte ao "Mulligans" co presidente da asociación de veciños "O Mirador" de Monte Porreiro, Carlos Diéguez e coa exconcelleira María Rey, colaboradora do Banco de Alimentos, que lle pediron unha explicación.
A subdelegada sinaloulles a falta de autorización desta actividade solidaria e insistiu na obrigatoriedade do cumprimento da medida de peche do sector hostaleiro ordenada pola Xunta.
Horas despois os promotores desta iniciativa publicaban nas redes sociais que a recollida fora "cancelada por la Subdelegación del Gobierno".
Relacionadas:
-
Pontevedra entrégase coa recollida solidaria de alimentos promovida pola hostalería
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Maica Larriba, sobre a recollida de alimentos da hostelería: "Se teñen autorización non haberá problema"
Por Manu Otero |
-
Multan un bar de Pontevedra que ignorou as restricións e abriu a fin de semana
Por Alejandro Espiño |
-
Os hosteleiros doan a comida que non poderán vender polo peche ao banco de alimentos de Monte Porreiro
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Situación "precaria" no Banco de Alimentos: andeis baleiros, cada vez máis demanda e sen operación Quilo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |