77 positivos máis elevan a 1.229 os casos activos na área sanitaria
Por Oskar Viéitez
Este sábado 7 de novembro a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés mantén 67 pacientes covid ingresados en planta de hospitalización dos que 49 están no Hospital Montecelo, 1 no QuirónSalud Miguel Domínguez e 17 no Hospital do Salnés. Ademais hai 4 pacientes covid na unidade de coidados críticos de Montecelo.
Son 77 casos positivos máis nas últimas 24 horas, o que fai un total de 1.229 casos activos nesta área sanitaria dos que 1.158 casos evolucionan nos seus domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia do covid-19 curáronse 2.733 pacientes (42 máis que no día de onte) e morreron por este virus na área sanitaria 34 pacientes. O último falecemento tivo lugar este venres en Montecelo, un home de 82 anos que presentaba patoloxías previas.
En canto á realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 1.080, que se engaden ás 71.035 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
RESIDENCIAS
A Xunta tamén notificou novos casos positivos en residencias de maiores. Nesta área sanitaria notifica un novo positivo en 1 usuario da residencia Nuestra Señora de la Asunción (Caldas de Reis) e en 7 usuarios e 5 traballadores de DomusVi Ribadumia.
A día de hoxe son 441 os usuarios de residencias infectados en toda Galicia e 256 traballadores destes centros da terceira idade.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 10.276, deles 1.886 son da área da Coruña, 1.157 da de Lugo, 1.096 da de Ourense, 1.229 da de Pontevedra, 2.530 da área de Vigo, 1.289 da de Santiago, e 1.089 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 84 están en UCI, 495 en unidades de hospitalización e 9.697 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 29.955 persoas curadas, rexistrándose 976 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 738.753.