Soben os contaxios na área sanitaria, especialmente en Pontevedra, Sanxenxo e Vilagarcía
Por Alejandro Espiño
As últimas 24 horas non foron nada positivos para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Cos casos activos por covid-19 situados en 1.194, a maior cifra ata a data, a incidencia da pandemia non deixa de crecer. Son oito os concellos en nivel de alerta 3 (vermello).
O maior aumento, certo é que en parte por ter máis poboación que o resto, dáse en Pontevedra. Os datos que traslada o goberno municipal sitúan os casos activos en 397, dezaoito máis que onte. Desde o Concello insisten en pedir "responsabilidade" á cidadanía.
A tendencia tamén é moi preocupante en Sanxenxo. Alí os infectados por coronavirus son xa 50. Son once máis que este xoves. Nos últimos dous días, as autoridades sanitarias detectaron dezaoito contaxios, o que sitúa ao municipio en límites nunca antes alcanzados.
Sanidade, pola súa banda, notificou 87 casos activos en Vilagarcía, cinco máis que onte. Outros cinco casos novos detectáronse tamén en Marín, que conta con 89 persoas infectadas. Poio suma tamén catro contaxios máis e sitúase en 60 casos activos.
A lista de municipios en alerta máxima polo aumento dos contagios complétase con Ribadumia e Cambados, ambos moi afectados polos infectados nas súas respectivas residencias da terceira idade, e co Grove.
No nivel de alerta 2 (laranxa) están catro municipios máis. A Caldas de Reis e Ponte Caldelas sumáronse desde onte Cuntis e Soutomaior.
Outros tres, Vilanova de Arousa -que se mantén nos 29 casos activos-, Bueu e Vilaboa, teñen activado o nivel de alerta 1 (amarelo).
A Lama e Cerdedo-Cotobade baixan un banzo e, xunto con Meaño, Barro, Portas, Meis, Campo Lameiro e A Illa de Arousa están no nivel de alerta 0 (verde), tras detectarse neles menos de sete novos casos activos na última semana.