Xunta e Concello avanzan na transferencia da fachada marítima ao goberno de Cambados
Por Redacción
A delegada territorial da Xunta, Luísa Piñeiro, continúa coa súa xira polos municipios do seu territorio para reunirse cos alcaldes e coñecer as súas necesidades. Este xoves, a dirixente reuniuse coa alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, nun encontro no que quedou patente o clima de entendemento entre ambas as administracións co inicio das obras de mellora do centro de saúde e do comedor escolar do colexio de San Tomé.
A reunión serviu ademais para expor a posibilidade de acometer unha obra que permita separar as canalizacións de augas pluviais e fecais nun tramo da estrada PO-550 en dirección a Meaño, así como outras cuestións relacionadas con Portos de Galicia.
Neste sentido, recolleu a solicitude da rexedora para a firma dun convenio para a cesión da fachada marítima, agora en mans da administración portuaria, ao Concello. Neste sentido, tamén analizaron a reforma da praza de abastos.
Ao finalizar a reunión, Piñeiro despediuse convencida de que haberá colaboración entre ambas as entidades. Neste sentido, lembrou os 110.000 euros investidos pola Xunta nas dúas obras que están en marcha, que se unen aos 23 millóns investidos desde o ano 2017 en iniciativas de diversa índole.