O PSdeG esixe as máximas garantías ambientais na mina de litio Alberta I
Por Oskar Viéitez
A viceportavoz do grupo socialista, Paloma Castro, mantivo este xoves un encontro cos alcaldes socialistas de Forcarei, Verónica Pichel, e Ponte Caldelas, Andrés Díaz; así como cos portavoces socialistas de Cercedo-Cotobade, Lina Garrido, e da Lama, Enrique Vaqueiro, para presentar unha ofensiva institucional no Parlamento de Galicia e nos concellos afectados para esixir á Xunta as máximas garantías ambientais pola mina de litio Alberta I.
A responsable socialista pediu á Xunta que "non trampee coma noutras ocasións", xa que "sabemos que centos de empresas se saltan a normativa coa conivencia da Xunta de Galicia". Así, alertou dos riscos da formación de auga aceda ou dun afundimento pola proximidade das zonas habitadas, tal e como advertiu xa en 2014 un informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.
Castro remarcou a importancia de que o proxecto se someta ao proceso de avaliación de impacto ambiental porque o contrario "entrañaría un grave perigo para a contorna da mina". Así, destacou que é preciso "defender aos veciños e veciñas, e tamén ao noso medio ambiente" ante os riscos de que a mina non cumpra con todas as prescricións medioambientais esixidas pola lei.
Neste senso, a responsable socialista lamentou que "está constatado que certos proxectos mineiros, moito tempo despois de pechar a súa actividade, manteñen o seu impacto de xeito permanente na paisaxe ou na contaminación que xeran", por iso entende que "é imprescindible que a Xunta demostre que cumpre con todas as garantías".
Relacionadas:
-
Os ecoloxistas, escépticos ante a denegación dos permisos para a mina de litio
Por Redacción |
-
Denegan os permisos para a mina de litio en Cerdedo-Cotobade e A Lama
Por Redacción |
-
O BNG lanza unha ofensiva institucional para que o proxecto mineiro Alberta I se someta a avaliación de impacto ambiental
Por Oskar Viéitez |