Marín suspende a taxa de recollida de lixos á hostalería durante o tempo que dure o peche
Por Manu Otero
A segunda onda da pandemia da covid-19 está a afectar especialmente á hostalería e ao comercio local, no Concello de Marín son conscientes deste problema e están a trazar medidas específicas a nivel municipal para axudar a estes sectores "que son unha parte imprescindible da economía local e que son alicerces de emprego e prosperidade na vila marinense", sinalan desde o goberno local.
A alcaldesa María Ramallo e o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, anunciaron este xoves que durante todo o tempo que estean pechados volverán gozar dunha bonificación na taxa de recollida de lixo. Esta medida xa se fixo efectiva durante o primeiro estado de alarma aplicándoa tamén ao comercio, o que supuxo un esforzo para o Concello de preto de 50.000 euros.
Esta vez, a bonificación será unicamente para a hostalería, que xa está exenta do imposto de terrazas para todo o 2020 e o 2021.
Non é a única medida de apoio que prepara o executivo marinense para o seu tecido empresarial. Nos próximos días poñerán en marcha o plan Reactiva Marín, un programa de formación, modernización e asesoramento personalizado para as empresas locais co obxectivo de axudar ao comercio e á hostalería para dar un paso á fronte no seu proceso de transformación dixital e de aumento da competitividade.
Hostaleiros e comerciantes poderán acceder a bonos formativos de 45 horas en distintas disciplinas das que se poderán beneficiar polo menos unha trintena de negocios. A súa posta en marcha supoñerá un investimento superior aos 80.000 euros que se financiarán con cargo aos fondos EDUSI Marín 2020 confinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Relacionadas:
-
Piden unha campaña de sensibilización sobre a reciclaxe en Marín
Por Redacción |
-
Os hostaleiros de Marín reciben o apoio do Concello durante a súa manifestación contra o peche
Por Manu Otero |
-
Luces, concursos e un vídeo para crear ambiente de Nadal e incentivar o consumo en Marín
Por Redacción |
-
Sanidade 'confina' Pontevedra, Marín e Poio e limita as xuntanzas só aos conviventes
Por Alejandro Espiño |