Seguen as melloras en Marqués de Valterra: próximas actuacións, iluminación e aparcamentos
Por Alejandro Espiño
Novos investimentos completarán en próximas semanas as actuacións do ARI de Estribela na praza Marqués de Valterra. Tras completar a reforma das beirarrúas en toda esta contorna, o Concello de Pontevedra acometerá a mellora da iluminación e a reordenación dos espazos de aparcamento. Trátase de tres actuacións nas que o goberno municipal investiu uns 200.000 euros.
Trátase, sinalou Antón Louro, de responder ao "compromiso" alcanzando cos veciños do barrio "para seguir mellorando este espazo". En canto ao alumado público, o concelleiro socialista explicou que actualmente a praza "só conta cunha única luminaria, un vello farol que non serve para solucionar os problemas". Crearanse nove puntos de luz e outros dous encostados ás fachadas e retirarase o cableado visible ao contar cunha preinstalación soterrada.
Os 30.000 euros que se investirán nesta actuación, que se executará nun mes, completaranse cos 65.000 euros que custará o reasfaltado da praza e a reordenación dos aparcamentos. Louro explicou que non suporá unha "redución significativa" do número de prazas para aparcar, aínda que si recoñeceu que serán menos que na actualidade, ao "clarificar" espazos e "racionalizar" as prazas existentes.
Ademais, no marco do ARI de Estribela, Antón Louro adiantou que en 2014 investiranse 135.000 euros na reforma integral da rúa do Mercado e outros 200.000 euros na reforma integral da rúa da Comboa.
ORDENANZA DE MANTEMENTO DE EDIFICIOS
Noutra orde de asuntos, a Comisión de Urbanismo deu licenza de primeira ocupación ás 62 vivendas da primeira fase dunha promoción inmobiliaria na rúa Grecia, en Monte Porreiro; e constatouse un aumento do "interese" das comunidades de propietarios por facer pequenas obras de mellora ou arranxo de elementos comúns, ao autorizar actuacións en Benito Corbal, Ernesto Caballero, Cruz Gallástegui e Fernández Ladreda.
Neste sentido, Antón Louro asegurou que espera que a principios de 2014 poida entrar en vigor a nova ordenanza de mantemento de edificios na que traballan técnicos municipais. A súa tramitación sufriu atraso pola entrada en vigor do novo Plan de Vivenda do goberno central. Esta nova inspección incluirá tamén cuestións de accesibilidade e de eficiencia enerxética que deberán ser incorporados á normativa municipal.