A cidade polaca de Poznan mira cara Pontevedra para mudar o seu deseño urbano

Por Redacción
Pontevedra, xunto con outras cidades como Viena, Oslo ou Amsterdam, foi obxecto de estudio no IV Foro de Desenvolvemento da Cidade que organizou o municipio de Poznan (Polonia).
O foro, no que participou o alcalde pontevedrés de xeito telemático, buscaba ser un espazo de diálogo entre residentes da localidade, o goberno local, os científicos e os participantes co propósito de crear un espazo de intercambio de coñecementos e de boas prácticas.
Poznan convidou a Pontevedra pola transformación da cidade e a raíz de acadar o primeiro premio da Unión Europea de Seguridade Viaria Urbana e decidiu estender o convite ao alcalde para falar sobre a súa política e solucións no ámbito dunha cidade segura e sen accidentes.
Miguel Anxo Fernández Lores, durante una conferencia de 20 minutos, ofreceu o seu enfoque sobre unha cidade "deseñada para as persoas" como a de Pontevedra, detallando a transformación urbana que experimentou nas últimas dúas décadas.
Xunto con esta intervención, desde a cidade de Poznan pediron permiso para reproducir o Metrominuto como un dos exemplos de boas prácticas do deseño pensado para o espazo público. Foi para o seu Festival de Deseño, dentro da exposición "Deseñando xuntos a cidade".
Tratouse dunha exposición que, segundo recolle o propio festival, compilaba exemplos de produtos, mobiliario urbano e estratexias urbanísticas implementadas nos últimos anos.
Relacionadas:
-
Poznan, Arxentina e Chile queren coñecer o modelo de cidade de Pontevedra, que presume de premio de Seguridade Viaria da UE
Por Redacción |
-
O alcalde de Pontevedra explica a creación dun ecosistema urbano seguro no Portugal Mobi Summit
Por Redacción |
-
Pontevedra recolle en Cáceres un premio pola organización do ITU Multisport de tríatlon
Por Alejandro Espiño |