Luciano Sobral convoca ao sector hostaleiro a unha xuntanza
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, adiantou a convocatoria dunha reunión, vía telemática, con profesionais do sector hosteleiro, co obxectivo de que o Goberno local coñeza "de primeira man" as súas inquedanzas e se poidan unir esforzos na busca de solucións.
Os hostaleiros interesados en tomar parte neste encontro virtual poden solicitar información chamando ao Concello (986 77 00 01) ou enviando un correo electrónico ao alcaldia@concellopoio.gal.
O Goberno local de Poio amosou o seu "total apoio ás reivindicacións feitas desde o sector hostaleiro do municipio", que vén de crear unha plataforma para solicitar solucións ás dificultades que atravesan.
Os dirixentes municipais esixen que a Administración autonómica teña en conta as necesidades deste sector ao tempo que reiteran a vontade do Goberno de Poio de tratar de axudar, dentro das súas competencias, a paliar a situación destes profesionais como xa se fixo coa aplicación de bonificacións do 100% no recibo do lixo, aplicable a aqueles negocios, empresas e autónomos que se viron na obriga de paralizar a súa actividade durante o confinamento.
Asemade, tamén se apostou por deixar de cobrar as taxas correspondentes á instalación de terrazas en espazos de titularidade municipal e se ampliaron os períodos de pago en voluntaria de varios impostos, coa posibilidade de solicitar distintos fraccionamentos.
Por outra banda, o Goberno municipal expresou a súa "sorpresa e malestar" polas declaracións feitas polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, despois da reunión que mantivo o pasado luns con representantes do sector, na que "non dubidou en esixir ás adminstracións locais máis implicación".
Neste sentido, o tripartito invita a Rueda a que "deixe de botar balóns fóra e actúe", lembrando que "a normativa actual deixa moi pouca marxe de manobra aos Concellos á hora de poder aplicar máis medidas económicas".
O Goberno local afirma que "urxe que as administracións competentes, autonómica e estatal, elaboren un plan de rescate para o sector, xa que a súa supervivencia e a de moitos empregos, depende do soporte que se lle dea por parte destas institucións".
Por último, o Goberno local corrobora tamén o seu compromiso de engadir nos vindeiros orzamentos exencións e bonificacións en impostos como o IBI ou o imposto de vehículos, sen que isto afecte á dotación de servizos á cidadanía.