Ordenan o derrubamento dun galpón construído sen licenza en Marcón
Por Alejandro Espiño
Construír en calquera parte do territorio sen obter a licenza urbanística correspondente trae consecuencias. É o que comprobou unha veciña de Marcón que, por orde xudicial, terá que derrubar o galpón construído na súa casa. Levantouno sen permiso municipal.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou a sentenza que, xa en primeira instancia, obrigábaa a demoler as obras que executara sen licenza.
Era, en concreto, unha edificación auxiliar de planta baixa duns 40 metros cadrados situada xunto ao domicilio familiar, no lugar de Carregal, en Pazos (Marcón).
A afectada recorrera a decisión ao entender que a infracción estaba prescrita, ao transcorrer máis de seis anos desde a súa construción.
Con todo, os maxistrados aseguran que existe documentación de que o galpón se fixo o mesmo ano, 2012, no que se notificou a orde de derriba.
Outra sentenza, neste caso de orde ambiental, tamén é favorable ao Concello de Pontevedra e condena aos propietarios dunha finca de Mourente ao pago dunha multa de 1.000 euros (máis as costas xudiciais) por negarse a limpala de maleza.