Os empresarios turísticos de Sanxenxo demandan máis apoio ao sector por parte de todas as administracións públicas
Por Oskar Viéitez
O presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, acompañado polo vogal, Francisco González, participaron este luns nunha reunión co vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, ao que solicitaron un maior apoio por parte de todas as administracións públicas para facer fronte á difícil situación na que se atopa o sector como consecuencia da pandemia.
Así, demandaron liñas de axuda directa ao sector, así como outras axudas, como rebaixas no IVE, ou supresión dos impostos a terrazas.
Durante a reunión os representantes da hostalería reclamaron outras medidas como que se amplíe o horario de peche ata as 12 da noite, que se revisen os peches perimetrais ou que se posibilite a realización de probas PCR gratuítas en feiras, congresos ou mesmo en hoteis, para facilitar a mobilidade.
Alfonso Martínez, fixo seu a mensaxe que tamén transmitiu o presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que advertía de que "é necesaria tamén unha resposta seria, sacrificada e comprometida por parte das admistraciones públicas para evitar a desaparición de miles de empresas".
Ao respecto, Alfonso Rueda reafirmou o apoio do Goberno galego ao sector turístico e lembrou que Galicia puxo en marcha, entre outras iniciativas, o programa ‘Galicia destino seguro’, dotado con 8 millóns de euros, e que incluíu unha batería de medidas de apoio a estes negocios para adaptarse a esta nova situación.
No encontro, no que ademais do vicepresidente, tamén participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comeseña, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, os representantes da industria turística galega reprocharon a posta en marcha de medidas que non permiten marxe de actuación para o sector, como foron as restricións para o Puente de Todos os Santos. Nesa ocasión, as empresas decatáronse das medidas apenas tres horas antes da súa entrada en vigor, cando xa realizaran as súas previsións e compras para a fin de semana.