Ferrovial asumirá a limpeza das dependencias municipais a das instalacións deportivas
Por Alejandro Espiño
Algo máis de 2,7 millóns de euros recibirá a empresa Ferrovial, ao longo dos próximos catro anos, a cambio de encargarse da limpeza das dependencias municipais, os centros sociais e as instalacións deportivas públicas de Pontevedra.
O contrato, que é prorrogable por unha quinta anualidade, foi adxudicado polo Concello a esta empresa, que foi a gañadora dos dous lotes nos que se dividiu o contrato.
Así, por 1.849.960,77 euros, Ferrovial limpará ata dezaoito edificios administrativos e de servizos das emerxencias municipais.
Inclúense neste contrato o edificio de Michelena 30, a casa consistorial da Praza de España, as oficinas municipais do Teatro Principal, o chalé de Fontoira, a Casa Azul, a Casa da Luz, o edificio de Churruchaos ou os locais de Jofre de Tenorio, Xan Guillerme e Xulio Camba.
O arquivo municipal, o antigo conservatorio, as dependencias da Policía Local, o parque municipal de Bombeiros, a sede de Protección Civil, a nave almacén das brigadas municipais, o centro de condutas aditivas e o edificio de Santa Clara tamén forman parte do contrato.
Inclúe, ademais, a escola infantil da Parda, os mercados municipais da rúa Serra, Virxe do Camiño, Fray Juan de Navarrete e Ponte Sampaio, os cemiterios de San Amaro, Lourizán, Bora, Campañó e Ponte Sampaio ou 26 centros sociais e culturais do ámbito urbano e rural.
O segundo dos lotes, que corresponde ás instalacións deportivas, foi adxudicado por un prezo de 861.714,73 euros. Entre os espazos a atender destacan o pavillón municipal e o Multiusos da Xunqueira, segundo destaca o goberno municipal.
Relacionadas:
-
A reforma da segunda planta de Michelena 30, nas mans de empresas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Sae a contratación o servizo de limpeza para dependencias municipais e instalacións deportivas
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello aumentará o gasto corrente en 2020 para contar con "servizos top"
Por Alejandro Espiño |