Un edificio do centro histórico será rehabilitado para vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño
Dúas plantas para vivendas turísticas e un baixo que estará dividido entre zona de recepción e un local comercial. Son as características do proxecto que servirá para rehabilitar un edificio situado na rúa Enfesta de San Telmo, en pleno centro histórico de Pontevedra.
No inmoble, coñecido por acoller no seu día o Pub Domus, investiranse uns 342.000 euros, segundo consta na documentación desta rehabilitación, que acaba de recibir licenza por parte dos servizos urbanísticos do Concello de Pontevedra.
"Agardamos que a situación actual non afecte a este proxecto", explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que celebra que esta actuación permita recuperar outro edificio do centro histórico que, actualmente, estaba sen uso algún.
En concreto, os promotores do proxecto deseñaron unha recepción na planta baixa e un local comercial, para o que aínda non teñen uso previsto, duns 145,82 metros cadrados.
As outras dúas plantas do edificio serán integramente para vivendas turísticas.
O número de apartamentos que se habilitarán neste espazo non está confirmado, pero en todo caso serán varios por cada unha das plantas, que teñen unha superficie útil de 196 e 151 metros cadrados respectivamente.
Relacionadas:
-
A Rúa do Arco, lugar elixido para un novo albergue turístico no centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
Autocaravanas e casas rurais, o turismo da nova normalidade
Por Manu Otero |
-
Unha de cada tres prazas hoteleiras en Pontevedra son xa vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño |
-
Proxectan un edificio de vivendas turísticas e un albergue na Enfesta de San Telmo
Por Alejandro Espiño |