A área sanitaria supera o milleiro de casos activos de covid-19 tras o segundo día consecutivo con máis de 100 contaxios
Por Natalia Puga
A pandemia está descontrolada na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que xa supera os 1.000 casos activos de covid-19. En concreto, este luns contabilízanse 1.049 pacientes coa enfermidade activa. Chégase á cifra tras unha xornada, entre este domingo e este luns, na que, por segundo día consecutivo, supéranse os 100 contaxios. O domingo foran aínda máis, 115.
O balance oficial do Servizo Galego de Saúde recolle que este luns contabilizáronse 108 positivos en probas PCR na área sanitaria, faleceu un paciente e déronse altas a 52 pacientes, de modo que o cómputo total é que hai 55 casos activos máis que un día antes.
Este incremento de casos significa, de novo, un aumento da presión asistencial na área sanitaria. Este luns hai un total de 67 pacientes nos hospitais, tres máis que o domingo a pesar de que tamén hai que contabilizar que unha persoa ingresada na área sanitaria faleceu na tarde do domingo.
Mantense o mesmo número de pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, seis, pero aumentan os que están ingresados. Así, hai 61 pacientes con covid-19 en planta de hospitalización, dos que 49 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirònSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 11 no Hospital do Salnés.
O resto de casos activos, un total de 982 casos, están a evolucionar no seu domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 2.519 pacientes, 52 na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 31 pacientes, o último, un home de 80 anos que estaba ingresado no Hospital de Montecelo e presentaba patoloxías previas.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 655, que elevan a 66.453 as probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
A nivel autonómico, este luns o Servizo Galego de Saúde reporta 9.292 casos activos de coronavirus tras detectar nas 24 horas anteriores 597 casos confirmados por probas PCR. Descontados os pacientes que recibiron o alta no mesmo período, supón que hai 173 casos activos máis na comunidade.
Segundo este balance, hai 446 pacientes hospitalizados e 77 en unidades de coidados críticos de toda Galicia.
Ata o momento, desde o inicio da pandemia curáronse en Galicia 27.752 pacientes e faleceron 923 persoas. En total, tiveron ou teñen a enfermidade 37.966 persoas, realizáronse 700.353 probas PCR e 401.091 probas serolóxicas.
Relacionadas:
-
A covid-19 avanza imparable na área sanitaria, con 1.082 casos activos e 70 pacientes hospitalizados
Por Natalia Puga |
-
Un home de 57 anos e unha muller de 89, dúas novas mortes da covid-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Pontevedra, Sanxenxo e Marín lideran o incremento xeneralizado dos contaxios na área sanitaria
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno municipal, "perplexo, frustrado e anoxado" pola xestión da Xunta na crise sanitaria
Por Alejandro Espiño |
-
Trece persoas denunciadas en Pontevedra por incumprir o toque de queda
Por Alejandro Espiño |
-
Un home de 80 anos, vítima 31 da covid-19 na área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
A área sanitaria bate todos os récords previos e suma 115 novos contaxios nun día
Por Natalia Puga |