Deputados e senadores do PP denuncian que os orzamentos xerais do Estado supoñen un retroceso para Pontevedra
Por Redacción
Os deputados nacionais e senadores do Partido Popular interpretan que se produciu un descenso acentuado nos investimentos para Galicia que recollen os orzamentos xerais do Estado, e sinalan que supoñen unha baixada de máis de 100 millóns de euros con respecto aos orzamentos en vigor, os aprobados polo goberno de Mariano Rajoy en 2018
Segundo as suas contas, son os máis baixos da comunidade nos últimos quince anos e critican que a subida importante de impostos que se van cargar ás familias, ás clases medias e traballadoras en medio desta crise, non se vai traducir en maiores e mellores infraestruturas.
Ao contrario, sinalan, non hai ningunha partida nova con respecto a 2018 para a provincia de Pontevedra. "Moitos son proxectos que xa terían que estar executados ou en marcha, como por exemplo o nó dos bombeiros en Pontevedra, e que levan tres anos de retraso. Isto amosa o engano e a incapacidade de xestión deste goberno", denuncian os populares que mantiveron este viernes unha reunión de traballo xunto á tamén deputada Ana Pastor.
"A provincia de Pontevedra levaba tempo indo por diante en nivel de investimentos, que reflectían a importancia estratéxica desta provincia en Galicia e no resto de España, e agora, con novo documento, o que conseguen é un retroceso importante ante un momento moi complicado", lamentan.
Ademais, sinalan que hai partidas "pantasma", é dicir, "proxectos que non queren eliminar dos orzamentos pero para os que destinan cantidades mínimas", como no caso das variantes da Estrada ou Ponteareas, ou para o AVE a Cerdedo ou saída sur de Vigo, nos que non se recollen compromisos plurianuais en exercicios futuros. Pero tamén desaparecen proxectos, como a remodelación da Avenida de Madrid en Vigo ou a integración urbana da AP-9 en Teis.
Con estas contas, os populares denuncian que a provincia perde competitividade nun momento especialmente importante, en sectores estratéxicos determinantes para a recuperación. Así, indican que ademais de subir os impostos para as familias, incluídos o diésel, este imposto tamén prexudica a un dos sectores estratéxicos de Pontevedra, o da automoción, que supón o 12% do PIB de Galicia. É máis, sinalan que desde que o goberno fixo o anuncio, as ventas de coches diésel están caendo.
Tamén engaden que a provincia, en su opinión, perde competitividade no Corredor Atlántico fronte ao Mediterráneo, que é o corredor ferroviario de pasaxeiros e mercancías que permite conectar os portos da provincia co interior e co resto de Europa. Así, mentres para o Corredor do Mediterráneo se destinan 367 millóns de euros, para o Atlántico resérvanse 68 millóns. Tamén se refiren os populares ao perda de peso da provincia no reparto de fondos europeos e de reconstrución. "Non inclúen ningún proxecto estratéxico para a provincia que se vaia financiar con estes fondos, algo que está reclamando todo o tecido económico e empresarial".
AP-9
Os populares critican que non se inclúa a transferencia da AP-9, como ten reclamado o Parlamento Galego, e recordan que a supresión da peaxe de Redondela, comprometido xa polo goberno de Rajoy, chega dous anos tarde e por iso estarán moi pendentes para que non quede só sobre o papel. Con todo, destacan que a maior bonificación da AP-9 chegou con Ana Pastor como ministra de Fomento ao aplicar a volta gratuíta nos días laborables, o que supuxo un aforro desde 2012 de 5,2 millóns de euros anuais para os cidadáns da provincia.
CONTAS IRREAIS
Por último, os populares valoran que os orzamentos xerais do estado son irreais, porque o Goberno está facendo unhas previsións de crecemento económico que non se axustan á realidade, porque a economía non vai crecer 9,8 puntos, e polo tanto non teñen en conta a situación actual. Ademais, inclúen nos ingresos uns fondos europeos que aínda non están aprobados na Unión Europea e que se van financiar con débeda, de xeito que ou ben van gastar o que non teñen, ou non se van executar moitas das partidas incluídas no documento, o que supón un engano.
Relacionadas:
-
O PP presentará emendas ao orzamento do Estado para "garantir unha maior e mellor recuperación da provincia"
Por Oskar Viéitez |
-
Gonzalo Caballero pide apoio a uns Orzamentos "positivos" para Galicia e que baixarán as peaxes da AP-9
Por Manu Otero |
-
Senadores do PP piden o "mesmo esforzo investidor" no Corredor Atlántico que no Mediterráneo
Por Redacción |
-
Maica Larriba defende os orzamentos "realistas" do Goberno e os 211 millóns para investimentos directos na provincia
Por Redacción |
-
O PSOE aplaude que os PGE 2021 atallan o "agravio" que sufría Pontevedra coa AP-9 e destinan un 30% máis de fondos á provincia
Por Redacción |
-
PGE 2021 | Lores ve "recollidos" os compromisos "amarrados" polo BNG e Domínguez considéraos "desilusionantes"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O Goberno destinará 55 millóns en 2021 a abaratar as peaxes na AP-9
Por Alejandro Espiño |