Poio reduce lixeiramente a alerta e pasa a nivel laranxa mentres 6 concellos da área sanitaria permanecen en vermella
Por Natalia Puga
Seis concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés permanecen este sábado no nivel vermello por contaxios de covid-19 nos últimos 7 días, o nivel máis alto dos niveis de risco valorados pola Xunta de Galicia e que significa preocupación máxima pola expansión da enfermidade. Supón unha localidade menos da lista ao caer ao nivel dous ou laranxa Poio.
No caso de Poio, segundo os datos oficiais facilitados pola Consellería de Sanidade ao Concello, hai este sábado 52 casos activos, a mesma cifra do venres. Desta forma, ao non aumentar os positivos na última xornada, e tras unha baixada do xoves ao venres no número casos, logra baixar a nivel laranxa, aínda que non significa que a preocupación desapareza.
De feito, leste mesmo venres a Xunta acordou a medida excepcional de proceder ao peche perimetral de Poio con Pontevedra e Marín pola alta incidencia da covid-19 nos tres municipios.
Con Poio en nivel laranxa, permanecen en nivel vermello Pontevedra, Marín, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Cambados e Ribadumia, seis concellos que xa estaban nesta mesma situación o venres.
No caso de Pontevedra, este sábado hai 346 persoas coa infección activa nestes momentos, nove menos que o venres.
Marín, pola súa banda, ten 68 contaxiados nestes momentos, tres máis que o venres.
En Vilagarcía de Arousa, hai 77 casos activos este sábado, sete máis que o venres, segundo os datos facilitados por Sanidade ao Concello.
No nivel de alerta laranxa, ademais de Poio, están O Grove e Cerdedo-Cotobade. O Grove pasou do nivel amarelo do venres ao laranxa mentres que Cerdedo-Cotobade mantense sen cambios.
Si houbo variacións en Cuntis, que baixou de nivel laranxa a amarelo, o máis baixo dos contemplados por Sanidade.
En nivel amarelo, a maiores de Cuntis, están Caldas de Reis, Sanxenxo, Bueu e Vilanova de Arousa. Todos estaban xa o venres nesta mesma situación e no caso de Vilanova hai 27 casos activos, os mesmos que o venres.
O resto dos municipios da área sanitaria mantéñense no nivel de alerta 0 (verde), tras detectarse neles menos de sete positivos en covid-19 no últimos sete días.
Relacionadas:
-
Oito concellos da área sanitaria, en alerta vermella cun crecemento sostido de contaxios
Por Redacción |
-
A curva non frea na área sanitaria, que pasa a barreira dos 900 casos activos de covid-19
Por Natalia Puga |
-
Cambados, que alcanza o nivel vermello, e Vilaboa aumentan a súa alerta polos contaxios de covid-19
Por Redacción |
-
Sanidade 'confina' Pontevedra, Marín e Poio e limita as xuntanzas só aos conviventes
Por Alejandro Espiño |